Medio Rural renova e mellora o firme do camiño municipal que conecta as parroquias de Benade e Mazoi cun investimento de 100.000 euros

Miguel Fernández supervisou as obras que se levarán a cabo nun tramo de case dous quilómetros desta vía e incluirán a renovación do pavimento e instalación de sinalización.

“Dende o executivo municipal atendemos as demandas dos veciños e veciñas destas parroquias, para facilitar a súa mobilidade e dotalos de infraestruturas de calidade”, apuntou.

Domingo, 19 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Rural renova e mellora o firme do camiño municipal que conecta as parroquias de Benade e Mazoi cun investimento de 100.000 euros

O concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, supervisou as obras de renovación e mellora do firme que o goberno de Lara Méndez está a executar no camiño municipal que vai da parroquia de Benade á de Mazoi, dende o núcleo rural de Gundín (Benade), ata as proximidades do núcleo rural de Barcia (Mazoi).

Fernández explicou que “dende o executivo municipal atendemos as demandas dos veciños e veciñas destas parroquias, renovando o pavimento desta vía, que se atopaba deteriorado, para facilitar a súa mobilidade e dotalos dunhas infraestruturas de calidade”.

Os traballos, que contan cun orzamento de 100.279,22 euros, enmárcanse no Programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal financiado por AGADER 2023-2024 a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

A actuación proxectada, nun total de 1.703 metros, consiste na mellora do firme do vial municipal que vai desde o núcleo rural de Gundín ata o camiño, tamén municipal, que vai desde Mazoi a Benade, nas proximidades de Barcia.

As actuacións previstas para a mellora do pavimento deste camiño consisten no estendido dunha capa de mestura asfáltica en quente de 5 cm de espesor, completándose coa execución da sinalización viaria horizontal e a colocación dun stop na intersección co camiño que vai de Mazoi a Benade. Tamén se proxecta a limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas de escorrentía e evitar que produzan danos no pavimento do camiño.

Multimedia

  • Medio Rural renova e mellora o firme do camiño municipal que conecta as parroquias de Benade e Mazoi cun investimento de 100.000 euros

Noticias relacionadas