Medio Rural inviste 184.975 € na mellora das estradas a Prógalo, Pedreda e Rego de Mera

A Xunta de Goberno Local aprobou a apertura dos procedementos de contratación para rexenerar o firme destas tres vías.

A actuación será financiada cos fondos procedentes do Convenio de Cooperación que o Concello mantén coa Deputación Provincial.

Na sesión desta semana, o goberno de Lara Méndez autorizou a concesión de 4 licenzas urbanísticas que promoverán un investimento no municipio próximo ao millón de euros.

Venres, 09 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Rural inviste 184.975 € na mellora das estradas a Prógalo, Pedreda e Rego de Mera

A área de Medio Rural, que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, acometerá a mellora de tres estradas municipais en diferentes zonas do Concello.

A Xunta de Goberno Local aprobou a apertura dos procesos de contratación para rexenerar o firme de varias vías, a través da financiación procedente do Convenio de Cooperación Provincial co que o executivo de Lara Méndez pretende incrementar as dotacións das parroquias.

O edil explicou que as intervencións previstas se concentrarán, concretamente, “na LU- P-2903 a Prógalo (38.179€), na Nacional 640 a Pedreda - na estrada de Meira - (84.106 €), e na LU-P-2903 ao Rego de Mera (62.689 €). Obras que, no seu conxunto, suman un investimento de 184.975 €”, precisou.

“Trátase de intervencións, que redundan na mellora das infraestruturas do rural e coas que se pretende abordar non só a súa conservación e mantemento, senón tamén a calidade de vida da súa veciñanza”, indicou Miguel Fernández.

Por outra banda, o portavoz do Executivo municipal informou tamén de que, na sesión celebrada esta semana, foron autorizadas catro licenzas para acometer diferentes actuacións urbanísticas no termo municipal que xerarán, no seu conxunto, un volume de negocio próximo ao millón de euros.

A máis destacada é a relativa á instalación térmica de biomasa e tamén fotovoltaica en marquesiñas que se construirá no antigo Hospital Xeral de Lugo (690.395 €), pero tamén se outorgaron outras dúas para a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Pedreda (166.084) e dun inmoble tradicional na rúa da Chanca (91.260 €) e se validaron as modificacións realizadas na distribución da planta baixa doutra edificación na Louzaneta (1.242 €).

Igualmente foi ratificada a adhesión do CEI – Nodus á Asociación Nacional de Centros de Empresa e Innovación Españois (ANCES), creada en 1996 e integrada por máis dunha trintena de entidades públicas e privadas de todo o país, que permite a comunicación e posibilita sinerxías entre os axentes do ecosistema emprendedor e de innovación para facilitar a colaboración entre centros de similares características, aproveitando e optimizando os recursos, ferramentas e boas prácticas dos seus membros. A inclusión nesta rede implica, por parte da Administración local unha aportación económica inicial de 2.300 euros e unha cota anual de 1.200 €.

Xa noutra orde de asuntos, iniciouse o proceso para o alleamento dun total de 120 vehículos, dividindo a venda en dous lotes. Un, por importe de 2.310 euros que agrupa 24 vehículos aos que se lles esgotou a súa vida útil e foron declarados non utilizables, e o segundo lote, integrado polos 96 restantes, que se corresponden con vehículos retirados da vía pública e considerados como residuos sólidos urbanos que saen a licitación por valor de 5.950 euros.

Finalmente, foi adxudicada ao artista Miguel Couto Cotelo, a adquisición da escultura “Peregrina en Lugo”, por valor de 35.200 €, a proposta da Coordinadora de E-Dusi Muramiñae. Unha obra elaborada en bronce, coa que o executivo local pretende enxalzar a importancia histórica, cultural, patrimonial e tamén de dinamización económica que o Camiño Primitivo ten para Lugo, mellorando a percepción estética dunha contorna sobre a que xa se está a intervir actualmente no seu acondicionamento e que exerce de nexo de unión entre o Casco Histórico e o río Miño.

Audio

  • O edil de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre a rexeneración do firme en varias estradas | Descargar mp3

Noticias relacionadas