Indícase tamén que as áreas de xogo e de actividades biosaudables deben continuar pechadas para evitar a propagación do coronavirus a través do contacto co mobiliario urbano

Con motivo da relaxación dalgunhas das medidas do confinamento, dadas a coñecer onte polo Goberno central, dende a área de Medio Ambiente trasládase á poboación que os parques e zonas verdes da cidade permanecen abertos para o seu uso e desfrute.
Se ben, as áreas de xogo infantís e biosaudables deben continuar pechadas ao público, para evitar a propagación do coronavirus a través do contacto co mobiliario urbano, no caso dos espazos axardinados da capital estes están a disposición da veciñanza para que poidan aproveitalos como lugar para a práctica deportiva e o paseo.
Dende Medio Ambiente sinalan que o acceso aos mesmos sempre estivo permitido e as instalacións abertas, ademais de en permanente mantemento, para que, aquelas persoas que por razóns clínicas tiñan autorizada a saída á rúa, puidesen empregalas ao igual que as e os propietarios de mascotas, tendo en conta as restricións recollidas no Decreto do Estado de Alarma e conforme ás indicacións que establece a Lei de Protección de Seguridade Cidadá e que, dende Medio Ambiente, se solicita se continúen a respectar seguindo as novas pautas facilitadas polo executivo estatal.