Mañá comezan os traballos de reparación da rede de saneamento da rúa Armanyá, nos que o Concello inviste 31.500 euros

Manuel Núñez informou do inicio destas actuacións, que arrincarán coa supervisión arqueolóxica, e coas que se pretende eliminar as filtracións que se producen nesta rúa

Domingo, 28 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, informou de que este luns comezan as obras que o Concello acometerá co fin de reparar a rede de saneamento da rúa Armanyá, que dá servizo a un cento de veciños. Trátase dunha actuación encamiñada a garantir as boas condicións dun servizo público como é o saneamento, ao mesmo tempo que se responde a distintas peticións dos veciños e veciñas desta zona.

Coa realización destes traballos, que anunciou Manuel Núñez, o Concello quere acabar coas filtracións que se producen nesta rúa, e que ademais afectan a algún dos edificios, ao tempo que será necesario levantar o pavimento para acometer a óptima reparación da rede de saneamento. Con estas obras, que arrincarán mañá coa correspondente supervisión arqueolóxica e que contan cun orzamento de 31.500 euros, a entidade local tamén aproveitará para reubicar un cadro eléctrico situado nesta mesma rúa.

Estas actuacións de mellora súmase a outras que o Concello acometeu ou está acometendo na cidade para mellorar os servizos e infraestruturas públicas, como a modificación do saneamento na rúa Ramón Montenegro para eliminar as filtracións de agua nas escalinatas, o abastecemento en Fontiñas, ou a rehabilitación do templete da música na Praza Maior.

Noticias relacionadas