Maite Ferreiro presenta os datos turísticos da Semana Santa

A concelleira de Cultura afirmou que “Lugo situouse nestes días en números similares ao ano 2019”.

A concelleira de Turismo lamentou que “a Xunta de Galiza non atenda o seu punto de información nos días que contan con máis afluencia de turistas”.

Martes, 19 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro presenta os datos turísticos da Semana Santa

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou os datos de turismo da semana santa de 2022. Ferreiro explicou que "o número de turistas que se achegaron a Lugo estes días demostran que a recuperación do sector continúa a bo ritmo, e demostra que Lugo é un destino estratéxico á hora de visitar Galiza". Maite Ferreiro afirmou que “Lugo situouse nesta semana santa en números moi similares ao 2019, antes da pandemia, e desde o Goberno de Lugo seguiremos traballando para continuar a mellorar os datos e garantir a mellor atención ás persoas que nos visiten”.

A Oficina Municipal de Turismo da praza do Campo atendeu en total a 1697 turistas durante a semana santa, destacando as procedentes do resto de Galiza e das principais zonas do estado, entre as que destacan Madrid e Cataluña, seguidos de Valencia, País Vasco e Andalucía. Europa e América son os lugares dos que proceden maior número de turistas no eido internacional.

As salas museísticas municipais continúan a ser un gran atractivo turístico da cidade. Mentres que Porta Miñá e o Centro de Interpretación de San Roque rexistraron números similares ao ano 2019, o MIHL acolleu, durante a semana santa, con 743 visitas, multiplicando por 4 o número de visitantes rexistrado no 2019, cando a cifra total foi de 168 persoas durante a semana santa. Maite Ferreiro vinculou o éxito do MIHL ao traballo de difusión da instalación realizado pola área de Cultura, e á chegada de exposicións como Así Xogabamos, que leva preto de 5.000 visitas desde a súa chegada ás instalacións en febreiro deste ano.

Información turística

Maite Ferreiro lamentou que “mentres que desde a área de Turismo traballamos para consolidar Lugo como un destino de calidade, a Xunta de Galiza non atenda o seu punto de información nos festivos da semana santa, datas nas que contamos cunha gran afluencia de visitantes”. A concelleira de Turismo afirmou que “a Xunta debería revisar a súa estratexia turística para Lugo e garantir atención a todas as persoas que se acheguen, do mesmo xeito que facemos desde o Concello”. 

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre os datos de turismo | Descargar mp3

Noticias relacionadas