Lugo destaca entre os concellos con maior implantación do uso da madeira como solución construtiva, medioambiental e económica

Lara Méndez participou hoxe na presentación oficial da Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada ‘Mass Madera’.

A rexedora expuxo o proxecto do Barrio Multiecolóxico e do edificio Impulso Verde como modelo replicable a outras cidades de tipo medio.

Venres, 08 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo destaca entre os concellos con maior implantación do uso da madeira como solución construtiva, medioambiental e económica

Lugo, destaca entre os concellos españoles pola implantación do seu modelo transformador baseado no impulso da madeira e do sector forestal como solución construtiva, medioambiental e de diversificación económica.

Así o valora a Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada onde o modelo de municipio que lidera a alcaldesa Lara Méndez foi eloxiado polo conxunto de organismos e iniciativas empresariais que a conforman.

A rexedora lucense participou esta mañá na presentación oficial da Plataforma onde explicou a esencia da Estratexia Life Lugo + Biodinámico na que destaca, como principal referente, o edificio Impulso Verde, construído integramente con este material e xerme do primeiro Barrio Multiecolóxico de España que, deseñado con ferramentas como o Catálogo de Solucións Sostibles, o Plan Estratéxico Biodinámico - recentemente aprobado - ou o Estudo das Zonas de Confort Climático, pretende ser un modelo replicable a outras cidades de tipo medio.

A exposición de Lara Méndez foi cualificada como un gran exemplo da urbe do futuro con capacidade para afrontar os retos que aveciña o cambio climático con recursos propios que contribúen, á súa vez, non só á conservación do planeta senón tamén á dinamización produtiva dos territorios.

A Rede Mass Madera ten como obxectivo coordinar e fomentar o intercambio de coñecemento, a divulgación e a posta en valor dunha axenda en común que fomente a utilización da madeira maciza industrializada como unha das poucas alternativas ecolóxicas capaces de contrarrestar o contexto de emerxencia climática actual.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a presentación de Mass Madera | Descargar mp3

Multimedia

  • Lugo destaca entre os concellos con maior implantación do uso da madeira como solución construtiva, medioambiental e económica

Noticias relacionadas