Lugo celebra o Día Internacional dos Arquivos ofrecendo na páxina web os Libros de Actas de Pleno do século XVI

Para Daniel Piñeiro non cabe dúbida da importancia no eido da historia da cidade destes libros, coñecidos anteriormente como Libros do Consistorio, xa que a primeira acta de Pleno do Concello data do ano 1545

Xoves, 09 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, explicou este mércores que o Concello celebra ao longo do día de hoxe o Día Internacional dos Arquivos, posto que o día 9 de xuño de 1948, a UNESCO creou o Consello Internacional de Arquivos (CIA). Tal e como deu a coñecer o edil, o Arquivo Municipal de Lugo únese a esta celebración coa posta a disposición dos veciños e veciñas lucenses, en aras do seu coñecemento, así como dos investigadores, dos Libros de Actas de Pleno do século XVI, a través da páxina web do Concello. Tamén se inclúe unha selección de fotografías, así como a historia da celebración deste día.

Para Daniel Piñeiro non cabe dúbida da importancia no eido da historia da cidade destes libros, coñecidos anteriormente como Libros do Consistorio, xa que a primeira acta de Pleno do Concello data do ano 1545. A publicación destes libros entra dentro do ámbito de achegamento á cidadanía dos fondos documentais que conmemoran a memoria da cidade de Lugo, unha actuación que está a levar a cabo o Goberno Municipal para avanzar na administración electrónica.

A dixitalización e publicación dos seis libros de Actas de Pleno deste século supón, ademais dunha medida de conservación duns documentos, a súa dispoñibilidade de ser consultados de forma on line, levando deste xeito o arquivo á casa dos interesados.  Trátase dunha dixitalización conseguida a través do obradoiro Arqueolvcvs, “o que supón unha gran vantaxe para a súa difusión e acceso aos mesmos, tanto dos que xa posúen valor histórico como os que soamente teñen valor administrativo, garantindo así mesmo a transparencia da administración”, subliñou Piñeiro. 

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre o Día Internacional dos Arquivos | Descargar mp3