Lugo, capital canina de España esta fin de semana con probas de agility e exposicións nacionais e internacionais no Pazo de Feiras

A Alcaldesa, xunto á Deputada provincial de Cultura, o presidente da Sociedade Canina Galega e o xerente do Pazo de Feiras, presentou o certame, que se celebra por primeira vez na cidade e xa superou as expectativas de participación, con máis de 1.300 cans de toda España e doutros países inscritos

O encontro, que reunirá a miles de persoas, terá “un importante retorno socioeconómico e supón unha gran oportunidade de promoción para Lugo, para darnos a coñecer, tanto o noso patrimonio material, como o inmaterial, os nosos valores como cidade verde, sostible e amiga dos animais”, subliñou Lara Méndez

Grazas ao apoio do Concello e a Deputación, a entrada será gratis para os nenos e nenas, e para os adultos un 50% máis barata que noutras edicións

Martes, 22 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, capital canina de España esta fin de semana con probas de agility e exposicións nacionais e internacionais no Pazo de Feiras

Lugo será esta fin de semana a capital canina de España coa celebración no Pazo de Feiras, por primeira vez na cidade, de probas de agility, puntuables para os campionatos de España e do mundo, e exposicións nacionais e internacionais de morfoloxía canina. A Alcaldesa, Lara Méndez, xunto á Deputada provincial de Cultura, Pilar García Porto, o presidente da Sociedade Canina Galega, Agustín Fontán, e o xerente do Pazo de Feiras, Rubén López, presentaron o certame, que xa superou as expectativas iniciais de participación, e a día de hoxe están inscritos máis de 1.300 cans de toda España e doutros países, como Francia ou Portugal. De feito, as probas de agility ampliáronse ao venres porque a gran cantidade de participantes facía imposible celebralas en só dous días.

A Alcaldesa agradeceu aos organizadores, a Sociedade Canina Galega, que elixise Lugo para celebrar estes eventos, e ao xerente do Pazo de Feiras por contribuír decididamente a que isto fose posible. “Que lugar mellor que Lugo para acoller este tipo de probas cando conta cunha das mellores facultades de Veterinaria de Europa”, subliñou Lara Méndez, ao tempo que destacou o importante retorno socioeconómico que terá esta cita, que reunirá na cidade a miles de persoas ao longo da fin de semana, e o impacto en promoción, pois trátase dunha “gran oportunidade para darnos a coñecer como cidade, o noso patrimonio material, natureza, gastronomía... pero tamén o inmaterial, os nosos valores como cidade verde, sostible e amiga dos animais”.

Pola súa banda, a Deputada provincial de Cultura incidiu na oportunidade para promocionar Lugo que supón o encontro canino, ao que lle augurou éxito e continuidade. Neste senso, o presidente da Sociedade Canina Galega confirmou que esta edición non vai ser a única, “volveremos o ano que vén e estou seguro de que medraremos en número de cans”. Así mesmo, subliñou que, grazas a que “o Concello e a Deputación se volcaron”, a entrada será gratis para os nenos e nenas, e para os adultos un 50% máis barata que noutros lugares nos que se celebrou en anos anteriores.

O xerente do Pazo de Feiras mostrou a súa satisfacción porque Lugo sexa sede desta convocatoria “que levamos moito tempo traballando para conseguir, e creo que en dous meses, dende cando iniciamos as conversas, fixemos un bo equipo e cumprimos as expectativas para que perdure en Lugo moitos anos”.

O programa inclúe probas de agility venres, sábado e domingo, o primeiro día puntuables para o Campionato de España e os outros días, selectivas para o Campionato do Mundo desta modalidade deportiva, na que o can ten que facer un circuíto de obstáculos dirixido polo seu guía da maneira máis limpa e exacta posible, e contra reloxo. Ademais, o sábado e o domingo terán lugar dúas exposicións nacionais con cans co Certificado de Aptitude de Campionato de Morfoloxía (CAC) e unha internacional con animais co Certificado de Aptitude de Campionato Internacional de Beleza (CACIB).

Noticias relacionadas