López Orozco afirma que está tranquilo e "ten plena confianza na xustiza"

Venres, 24 de agosto de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, informou da notificación do Xulgado Número 1 de Lugo na que o citan a declarar a finais do mes de outubro como imputado por un delito indefinido a causa da denuncia presentada por un cabo da Policía Local que no seu momento foi expedientado. Esta denuncia está presentada contra o Alcalde e todos os membros da Xunta de Goberno que decidiron a apertura do expediente.

López Orozco salientou que “estou totalmente tranquilo e teño plena confianza na xustiza e seguro que, como nas anteriores ocasións, se arquivará a causa porque non cometín delito ningún”. Ademais manifestou que “é un paso máis dos que ultimamente estou acostumado aínda que sigo pensando que se non as fas non as temas” e salientou que “agora ata a próxima porque seguro que haberá outra.”

A acusación foi motivada pola denuncia presentada por un cabo da policía local, ao que no seu momento, outubro do 2010, se lle impón unha sanción e se pecha o seu expediente por acordo da Xunta de Goberno Local, ao entender que incumprira unha suposta vulneración de secretos de profesión. Unha vez rematado o proceso por vía contencioso-administrativa, e non recurrido por parte do Concello, “como símbolo de conciliación coa Policía Local, dita persoa presenta unha denuncia por vía penal pola cal se nos imputa” segundo declarou o Alcalde.

Noticias relacionadas