Lara Méndez renovará os dous parques infantís de Fonte dos Ranchos e cubrirá un deles para resgardalo da choiva

A Alcaldesa de Lugo avanza na renovación e mellora das zonas de xogo da cidade, tralo estudo previo realizado para analizar o seu estado e que se está a desenvolver por fases.

A rexedora adquiriu o compromiso nunha reunión coa veciñanza no marco das visitas periódicas que realiza a todos os barrios da capital para coñecer as súas inquedanzas.

Luns, 30 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez renovará os dous parques infantís de Fonte dos Ranchos e cubrirá un deles para resgardalo da choiva

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa e edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, anunciou, nunha reunión coa veciñanza de Fonte dos Ranchos, actuacións de mellora e acondicionamento dos dous parques infantís que se sitúan nas inmediacións desta praza, moi utilizada pola cidadanía.

Así mesmo, avanzoulles que se está a estudar o proxecto para a cobertura dun destes espazos co obxectivo de resgardar a zona de xogos da choiva e doutras inclemencias meteorolóxicas, de xeito que se poida utilizar durante todos os meses do ano e acadar, así, unha maior confortabilidade, comodidade e seguridade das crianzas.

As obras se inclúen no plan de creación, renovación e mellora das zonas de xogo existentes na capital (máis de 80, das que o 20% foron renovadas ou executadas no mandato da alcaldesa), que se está a acometer por fases. “Se queremos unha cidade con bos parámetros de calidade de vida para a poboación a atención á infancia é clave e iso pasa, tamén, por que conten con áreas de recreo onde socialicen e estimulen o seu desenvolvemento e aprendizaxe a través do xogo”, sostivo a rexedora.

O parque infantil de Fonte dos Ranchos será, así, o cuarto de Lugo cuberto, xunto co de Augas Férreas, Agro do Rolo e a zona do Miño.

A rexedora adquiriu este compromiso nunha xuntanza coas persoas residentes na contorna, que se enmarca nas visitas periódicas que realiza aos distintos barrios para escoitar as súas demandas e inquedanzas. Así mesmo, Méndez explicou o Plan de Embelecemento e a campaña de participación aberta para que os e as lucenses presenten as súas peticións, que se pode consultar en https://alcaldialugo.gal/.

Noticias relacionadas