Lara Méndez efectiviza a toma de posesión de 7 novos Inspectores en prácticas da Policía Local

Os novos mandos, súmanse aos outros 4 que xuraron o seu cargo hai xusto un ano, fornecendo a estrutura xerárquica do Corpo que, en xaneiro do 19, perdera unha trintena de efectivos.

“Un día histórico”, segundo sinalou a alcaldesa polo feito de que entre eles atópase a primeira muller que alcanza esta categoría nos 160 anos de historia da Policía de Lugo.

Venres, 26 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez efectiviza a toma de posesión de 7 novos Inspectores en prácticas da Policía Local

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, efectivizaba esta mañá a toma de posesión de sete Inspectores en prácticas da Policía Local, logo da celebración do correspondente concurso de promoción interna.

Entre os novos mandos - Manuel Fernando Abuín Rouco, Adrián Prieto Veiga, José Manuel Fernández Fernández, Alberto Muñoz Heras, María Belén Santiso Felpeto, Andrés Pernas Fernández e Carlos Iglesias Rozas - que, en breve, se incorporarán ao curso de formación da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), atópase a primeira muller que alcanza este cargo nos 160 anos de historia do Corpo municipal.

“É, por tanto, un día histórico para esta Institución que demostra estar dando pasos en firme na eliminación dos teitos de cristal e na consecución dunha equidade real para que as mulleres teñan os mesmos dereitos e oportunidades que os homes e poidan prosperar en igualdade en todos os eidos, nomeadamente no laboral”, destacou a rexedora.

Durante o acto, o Inspector da Xefatura, Jesús Piñeiro, quixo agradecer a Lara Méndez e a todo o equipo da área de Persoal os esforzos realizados para acadar que a estrutura xerárquica da Policía Local de Lugo sexa acorde á dunha capital de provincia, logo de que en xaneiro de 2019 o Corpo perdera preto dunha trintena de efectivos por xubilación anticipada.

Pola súa banda, a alcaldesa felicitou aos novos Inspectores e á nova Inspectora polo seu nomeamento, dándolles os parabéns pola responsabilidade que asumen, “sempre ao servizo público da veciñanza”, ao tempo que subliñou a “importancia de avanzar na cobertura destes postos, de maior rango, que optimizará a organización das patrullas e contribuirá a mellorar a seguridade cidadá” concluíu Lara Méndez.

Multimedia

  • Lara Méndez efectiviza a toma de posesión de 7 novos Inspectores en prácticas da Policía Local

Noticias relacionadas