Lara Méndez efectiviza a toma de posesión de 4 novos Inspectores da Policía Local

Os novos mandos fornecerán a estrutura xerárquica do Corpo, eivado de altos cargos, trala xubilación anticipada, en xaneiro do 19, dunha trintena de efectivos

Esta mañá tamén tomaban posesión tres auxiliares administrativas que desempeñarán o seu labor nos departamentos de Rexistro e Servizos Sociais

Venres, 27 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez efectiviza a toma de posesión de 4 novos Inspectores da Policía Local

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, efectivizaba esta mañá a toma de posesión de catro Inspectores da Policía Local, tres en quenda de mobilidade (concurso) e unha por promoción interna (concurso – oposición).

Os novos Inspectores, José Manuel Río Espiño, José Luis Piñeiro Santos, Jesús Candal Rivas e José Antonio Mera xuraban hoxe o novo cargo acompañados exclusivamente dun familiar, debido ás restricións de aforo impostas pola pandemia, nun acto no que tamén estivo presente o Inspector da Xefatura, Jesús Piñeiro, recentemente proposto polo Pleno da Corporación para ingresar na Orde do Mérito Civil pola relevancia do servizo exemplar que presta.

A alcaldesa aproveitou para felicitalo pola condecoración ao tempo que trasladou os seus parabens aos novos mandos, agradecendo o labor realizado ata a data, ao tempo que subliñou a “importancia de avanzar na cobertura destes postos, de maior xerarquía, para dotar ao Corpo dunha estrutura ben fornecida que optimizará a organización das patrullas e contribuirá a mellorar a seguridade cidadá”, indicou.

Lara Méndez lembrou tamén que nos próximos meses se agarda a chegada de 23 novos axentes, procedentes da Axencia Galega de Seguridade, que se sumarán aos 22 efectivos xa incorporados no que vai de mandato.

Igualmente, esta mesma xornada, tomaron posesión como funcionarias de carreira do Concello de Lugo, tres auxiliares administrativas, unha destinada ao departamento de Servizos Sociais e as outras dúas ao Rexistro, logo de acceder en quenda libre (oposición) ás prazas recollidas nas convocatorias das OPE’s de 2015 e 2016, respectivamente.

Multimedia

  • Lara Méndez efectiviza a toma de posesión de 4 novos Inspectores da Policía Local
  • Lara Méndez efectiviza a toma de posesión de 4 novos Inspectores da Policía Local
  • Lara Méndez efectiviza a toma de posesión de 4 novos Inspectores da Policía Local
  • Lara Méndez efectiviza a toma de posesión de 4 novos Inspectores da Policía Local

Noticias relacionadas