Lara Méndez avanza na renovación da rede de abastecemento actuando na Cheda para eliminar o fibrocemento en 7 rúas do barrio

A Xunta de Goberno Local adxudicou por 248.461 euros os traballos que se levarán a cabo nas vías Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara.

Os traballos incluirán, ademais da substitución das canalizacións, a renovación completa das beirarrúas, sumando 6.550 metros de pavimento.

As actuacións enmárcanse nun plan municipal, dotado con 1’2 millóns de euros, para erradicar a presenza desta substancia que afectará a 250 acometidas.

Xoves, 01 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez avanza na renovación da rede de abastecemento actuando na Cheda para eliminar o fibrocemento en 7 rúas do barrio

O executivo de Lara Méndez aprobou na Xunta de Goberno Local deste mércores a adxudicación das obras de renovación da rede de abastecemento no barrio da Cheda por un importe de 248.461 euros. A empresa encargada de levar a cabo os traballos, que contarán cun período de execución de tres meses, será Ogalia Contratas SL.

As obras abranguen un total de sete rúas: Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara e terán como finalidade a substitución das tubaxes actuais por outras de fundición nun total de 96 acometidas.

“Con estas actuacións avanzamos no plan municipal que activamos para erradicar a presenza de fibrocemento nas canalizacións da cidade. Un obxectivo no que investiremos 1’2 millóns de euros neste ano”, lembrou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. “Coa eliminación do fibrocemento acadaremos varios propósitos: ter unha rede de abastecemento máis sostible, en consonancia coa transformación que estamos levando a cabo no municipio, e tamén máis resistente fronte aos cambios de presión, de temperatura e fronte ás vibracións que se producen sobre a calzada, diminuíndo o número de incidencias e aumentando a durabilidade das dotacións”.

Deste xeito, actuarase nun total de 250 acometidas da capital, co obxectivo de mellorar os servizos públicos apostando, ao mesmo tempo, por infraestruturas máis eficientes que incrementarán tamén a calidade da prestación que xa se ofrece.

O fibrocemento é unha substancia que, pese a non conferirlle ningún tipo de toxicidade á auga, nin de entrañar perigo algún para a saúde pública, resulta contaminante na súa manipulación e dificulta a resolución das avarías que se producen na rede porque esixe de equipos e dun aparataxe específico que, ás veces, condiciona a axilidade de resposta na súa reparación.

Cómpre subliñar que a pasada semana, adxudicáronse as obras das rúas Aviación Española e Rei don García, cun prazo de execución de 7 e 4 meses; e xa están en marcha os traballos nas rúas Bataneira e Filgueira, cun prazo de execución de 3 meses, e Escultor Asorei, onde as actuacións durarán aproximadamente un mes. O cronograma establecido para desenvolver estas tarefas continuará desenvolvéndose pola rúa Armórica e a marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro.

Noticias relacionadas