Lara Méndez asiste aos actos da USC pola festividade de Santo Tomé de Aquino

Luns, 28 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez asiste aos actos da USC pola festividade de Santo Tomé de Aquino

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu este luns ao acto oficial co que a Universidade de Santiago de Compostela conmemorou a festividade de Santo Tomé de Aquino, que, presidida polo reitor, Antonio López, tivo lugar na Facultade de Formación do Profesorado do campus lugués.

No acto, o reitor salientou o carácter bicampus dunha USC que ten “a súa faciana máis nova no campus de Lugo”, o máis afectado polo impacto da crise, dixo, para, de seguido, valorar de xeito especial os esforzos realizados e que aínda se están a facer para afrontar as dificultades nunha sede universitaria máis pequena, con menos recursos e menor capacidade de sinerxías.

 Unha das grandes fortalezas do campus lugués é a súa vocación cara ás tecnoloxías da terra, esa orientación agro-gandeira e forestal que fai que os saberes que aquí se imparten, e a investigación que neses ámbitos se desenvolve, non teñan competencia no país. Daquela, o Campus Terra parece un lugar acaído para materializar a aposta da USC pola sustentabilidade, dixo. A recente concesión da agrupación Biorrecursos: Desenvolvemento e Produción Sustentable (BioReDes) non fai mais que recoñecer esa fortaleza da investigación lucense. A este logro, engadiu López, cómpre sumar tamén a acreditación da Facultade de Veterinaria pola EAEVE, outro recoñecemento internacional para un campus que xa traballa na organización acto de investidura como doutor honoris causa do profesor  Klaus von Gadow, apadriñado polo catedrático da USC na EPSE Juan Gabriel Álvarez.

O reitor da USC aproveitou a festa de San Tomé para agradecer o apoio recibido do Concello e da Deputación Provincial de Lugo, así como da Xunta de Galicia, un agradecemento que fixo extensivo a toda a comunidade universitaria e, nomeadamente ao profesor e decano da Facultade de Formación do Profesorado pola lección maxistral desenvolvida baixo o títuloEnsino da xeografía, educación xeográfica e alfabetización cartográfica.

O profesor Rodríguez Lestegás afondou na súa intervención no concepto de xeografía como un saber estratéxico que as minorías dirixentes utilizan como instrumento de poder, así como un coñecemento que permite a adopción dunha perspectiva moi acaída para a comprensión do noso mundo.  “Os mapas son representacións selectivas e parciais do territorio, polo que a súa utilización non pode escapar dos prexuízos persoais nin da manipulación política”, sinalou Lestegás, para logo engadir que “é responsabilidade da escola esforzarse en lograr unha axeitada alfabetización cartográfica dos estudantes que lles permita o desenvolvemento do pensamento espacial”.

Representación académica e de autoridades

A cerimonia académica de San Tomé congregou numerosas autoridades dos ámbitos político, académico, científico, cultural e social, entre os que se atopaban, ademais da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a Valedora do Pobo, Milagros Otero; o secretario Xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro; o Deputado de Relacións Institucionais Álvaro Santos; os xefes territoriais da Xunta en Lugo de Presidencia, Educación e Cultura, Ramón Carballo, Carme Gueimunde e María José Gómez, respectivamente;  o portavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Luis Villares; a presidenta da Acsug, Patrocinio Morrondo; a presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; a vogal do Consello Social da USC Blanca de Cora, parlamentarios, deputados, concelleiros, así como outros representantes políticos, de colexios profesionais e demais autoridades.

A representación académica tamén foi moi numerosa nesta celebración da festividade de San Tomé. Así, alén do equipo de goberno da USC liderado por Antonio López, que estivo arroupado pola vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e os adxuntos á citada Vicerreitoría, así como polos responsables de todas as vicerreitorías da USC, o acto académico tamén contou coa participación da Secretaria Xeral da USC e do equipo de Xerencia, ademais dunha ampla representación de decanos e directores de facultades, escolas, centros e departamentos universitarios, docentes, e persoal de administración e servizos da institución académica.

Noticias relacionadas