Finde de moda en Lugo, con artesáns, deseñadores e comercio con selo local

Mañá venres,  o Círculo das Artes acollerá a gala Enfiando, dende as 20:30 horas, organizada pola Asociación de Creadores de Moda Lucense, coa colaboración do Concello e a Deputación. As entradas teñen un custo de 15 euros

O sábado celebrarase o desfile Lugo vístese de primavera, organizado pola Asociación de Autónomas, tamén coa colaboración da entidade local e provincial, no Pazo de San Marcos, dende as 18:00 horas. A entrada é libre

Xoves, 28 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Finde de moda en Lugo, con artesáns, deseñadores e comercio con selo local

Lugo vivirá unha fin de semana de moda lucense, coa celebración de dous desfiles, cos que colabora o Concello e a Deputación de Lugo. Concretamente, mañá venres, 29, o Círculo das Artes acollerá a gala Enfiando, dende as 20:30 horas, organizada pola Asociación de Creadores de Moda Lucense. Nela daranse cita as últimas novidades do deseño, tanto en moda como complementos e artesanía, todas e todos eles con selo lucense.

Enfiando trátase dunha gala que ten como obxectivo promocionar e dar visibilidade ao traballo que están realizando os artesáns e deseñadores de Lugo. A través deste evento, a cidadanía pode coñecer, nunha gala de luxo, a calidade das e dos deseñadores lucenses. Estará conducida pola actriz galega Marta Doviro e nela contarase coa participación de Tina Cortón, Montse Arias, Sara Lage, M&N xoias e Ramón Rebolo; 5 deseñadores noveles: Sergio Marey, María Astorgano, Antía Vilar, Ariadna e Liliana Castiñeira; e con 15 artesáns lucenses: Traxandaina, Lanalutum, Corazones Artesáns, Cecilia Carballo, Tres Caracoles, Imavi, Mis Marinillas, Beatriz Valin, Barroenvivo, Cesteria Viva, Paula Dimé, Bolboretas de Coiro, Obradoiro, Mi madre no me deja e Sesé. A roupa que se poderá ver na pasarela inclúe vestidos de noiva, roupa de festa, de rúa e roupa urbana.

As entradas teñen un costo de 15 euros e están dispoñibles nos seguintes establecementos: Rebolo Bellas Artes, M&N Xoias, Tina Cortón, Montse Arias e Sara Lage.

Por outra banda, o sábado, celebrarase o terceiro desfile Lugo vístese de primavera, organizada pola Asociación de Autónomas de Galicia, tamén coa colaboración da entidade local e provincial, coa fin de impulsar o comercio de proximidade e demostrar a súa gran calidade. Os corredores da planta baixa de San Marcos servirán de escenario dende as 18:00 horas, para que 24 comercios da cidade amosen a variedade e calidade dos seus produtos, a través de 20 modelos adultos e preto de 25 nenos. As entradas para asistir son totalmente gratuítas, sendo o aforo de 300 persoas, polo que é necesario solicitar os convites nos establecementos participantes.

Na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos haberá obradoiros infantís, que permitirán ao público asistir cos máis pequenos da casa e que estes se entreteñan durante todo o desfile. Ao finalizar, entre os asistentes sortearanse dous vales de 50 euros e un de 100 euros para gastar nas tendas participantes.

Nesta 3ª edición do Lugo vístese de Primavera, novos comercios únense a esta gala, así desta volta son 24 os comercios que darán a coñecer as súas propostas no mundo da moda: téxtil, calzado, xoiería, peletería e complementos. Os comercios participantes son: Veritas Veritatis, Chis fashion & co, Malizia, Lilas, Cepece, Cuplé, El Armario de QK, Miss Mariquita, Violeta y Chloe, Lugodress, Mariña, Peletería Lucus, Carmen moda, Confecciones García, Urban Foot, Mi Luna, Firi, Opticalia, Miky Moda, Amorissimi, Kucadas, La Compagnie des Petits, Moninadas e Don Botón.

Noticias relacionadas