Ana Abelleira desvela que a proba transcorrerá na contorna do río baixo o nome da Maldición das Airas do Miño

A concelleira de Xuventude convidaba hoxe á mocidade lucense a participar nas actividades organizadas polo Concello para celebrar o Samaín.
“A propia noite do 31 de outubro o que propoñemos é un rastrexo nocturno do terror, que nesta segunda edición desenvolverase baixo o nome da Maldición das Airas do Miño. A xincana, que terá lugar nunha contorna próxima ao río, comezará ás 21:30 horas e rematará ás 00:00 horas, cunha chocolatada e os vencedores recibirán como premio unha xornada de esquí para o primeiro e material deportivo para os que queden en segundo e terceiro lugar”, indicou Ana Abelleira.
“Mais para participar nesta proba de orientación é imprescindible que os asistentes recollan os dorsais a tarde anterior, a partir das 16:00 horas, na casa da Xuventude”, lembrou a edil.
Ana Abelleira animou tamén ás familias a desfrutar do venres festivo aproveitando a axenda lúdica organizada polo Concello. “Así, a Praza da Soidade acollerá, dende as 17:30 horas, unha xornada de portas abertas con entretementos para tódolos públicos como o baleirado e tallado de cabazas, concurso de debuxos, recortables e coloreables, pintado de caras con pictos galaicos, xogos e mesmo unha degustación de chocolate con churros”, abondou a edil.
“E xa ben entrada a noite, este Día de Defuntos concluíra cun Desfile de Ánimas polo adarve da Muralla, no que colaboran as asociacións de recreación histórica Clan de Breogán, Trebas Galaicas, Mercenarios Galaicos, Lugdunum e Civitas Lucensis, que rematarán o seu percorrido, de novo, na Praza da Soidade onde pecharán este Samaín de 2019 cun conxuro purificador que vos emprazamos a compartir”, concluíu a concelleira de Xuventude ao tempo que apuntou que hoxe terá lugar o segundo dos obradoiros gratuítos de caracterización, neste caso dedicado ao maquillaxe de efectos especiais.
Audio
- A concelleira de Xuventude, sobre as actividades do Samaín | Descargar mp3