A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou as dependencias e o dispositivo acompañada da edil de Benestar, Olga López, e do presidente da Cruz Vermella, Luis Abelleira
O pavillón, que ten capacidade para acoller entre 50 e 60 persoas, conta con áreas para o comedor e para o esparexemento, así como duchas e baños e enfermería
A rexedora anunciou a firma coa Cruz Vermella dun convenio específico pola crise do coronavirus “para non deixar a ningunha persoa que o necesite sen atender”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da edil de Benestar, Olga López, e do presidente do comité provincial da Cruz Vermella, Luis Abelleira, supervisaron as instalacións do pavillón polideportivo municipal que habilitou o Concello en colaboración coa entidade humanitaria como reforzo do Fogar do Transeúnte, ás que hoxe mesmo chegaron os usuarios e usuarias.
O Concello de Lugo iniciou ás 9:00 horas da mañá o dispositivo de traslado de 26 persoas ata o pavillón acondicionado, debido a que o Fogar xa non podía acoller a máis usuarios coas garantías de protección necesarias por espazos de seguridade. No dispositivo, ademais do voluntariado da Cruz Vermella, participou o persoal de Benestar e a Policía Local.
As instalacións habilitadas poden acoller entre 50 e 60 de persoas durante o tempo que dure o confinamento. Segundo a concelleira Olga López, “temos capacidade para acomodar máis espazos, pero consideramos que, por agora, é máis que suficiente”.
Ademais das zonas de camas, se adaptaron áreas para o comedor e para o esparexemento, así como duchas e baños e enfermería.
Na atención destas persoas se segue un estrito protocolo de actuación e de triaxe, co fin de que non se propague o contaxio da pandemia. Nesta vixilancia se conta coa colaboración de persoal sanitario do Sergas.
A alcaldesa de Lugo seguiu o dispositivo do traslado “que se fixo con todas as precaucións necesarias. Non podemos esquecer que se trata dun colectivo especialmente vulnerable e, como estamos a dicir, desde o Concello non escatimaremos nin en medios humanos nin en recursos económicos para protexelos, así como ao resto da cidadanía”.
Lara Méndez agradeceu o apoio do Sergas e a intensa labor que desenvolve o persoal municipal de Benestar e dos voluntarios da Cruz Vermella, así como ao seu presidente, Luis Abelleira, “que puxo todas as facilidades para o traballo conxunto, que plasmamos na firma dun convenio específico de colaboración pola crise do coronavirus e para non deixar a ningunha persoa que o necesite sen atender”.
Convenio Cruz Vermella
O convenio asinado con Cruz Vermella establece dúas liñas de actuación, unha, na atención ás persoas sen teito, e outra, ás persoas que viven soas e aquelas que poidan quedar soas polo confinamento, que teñan problemas de mobilidade ou colectivos en situación de risco e vulnerabilidade.
Nesta segunda liña, a Cruz Vermella facilita o servizo de atención a domicilio posto en marcha pola área de Benestar para cubrir as necesidades básicas destas persoas como son facer a compra ou ir á farmacia.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Fogar do Transeúnte | Descargar mp3
- A edil de Benestar, Olga López, sobre o Fogar do Transeúnte | Descargar mp3
- O presidente do Comité Provincial da Cruz Vermella, Luis Abelleira, sobre o Fogar do Transeúnte | Descargar mp3