Cubertas as prazas para dúas excursións de maiores e crianza a Vimianzo e ao Bosque Máxico de Bonxe, respectivamente

Tres autobuses levarán aos 150 cativos e cativas do programa de Aulas Abertas urbanas ata o parque temático situado en Outeiro de Rei, o próximo 28 de agosto.

A área de Benestar Social completou as 50 inscricións de persoas maiores para viaxar ao municipio coruñés o vindeiro sábado.

A edil desta área Olga López Racamonde sinala que “a aceptación destas saídas culturais foi excelente o que reafirma o noso traballo coa programación destas actividades” 

Xoves, 22 de agosto de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Cubertas as prazas para dúas excursións de maiores e crianza a Vimianzo e ao Bosque Máxico de Bonxe, respectivamente

A área de Benestar Social e Maiores, que dirixe a edil Olga López Racamonde colgou o cartel de completo nas dúas excusións organizadas para maiores e para a crianza que participa no programa de conciliación de Aulas Abertas urbanas. Deste xeito, hai uns dez días se cubriron as 50 prazas previstas para a viaxe dos maiores a Vimianzo, unha saída que terá lugar o próximo sábado, 24 de agosto. Por outra banda, esta área porá a disposición dunhas 150 cativas e cativos tres autobuses que lles trasladarán na súa viaxe ata o Bosque Máxico de Bonxe, o vindeiro día 28, na outra saída programada polo Goberno local.

A edil de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, fala da “boa aceptación deste tipo de saídas culturais como parte dos programas de ocio saudable que desenvolvemos co que, tanto no caso dos maiores como da crianza, contribúen a evitar o illamento e a mellorar a socialización entre as e os participantes”. De feito, a excursión a Vimianzo para as e os maiores de Lugo repite o éxito de inscrición das outras dúas saídas que se fixeron no que vai de verán á festa do Polbo de Mugardos e á feira do Bonito de Burela.  Aínda quedará pendente outra viaxe máis, prevista para o 7 de setembro a Ponteareas.

Respecto á viaxe ao concello coruñés deste sábado, a programación prevé a saída e a chegada na praza de Bretaña, así como a visita a varios elementos destacados do patrimonio etnográfico e cultural de Vimianzo, como o seu castelo que data de finais do século XII e os Muíños e Batáns do Mosquetín, na parrroquia de Santa María. Trátase de tres batáns, en funcionamento e un conxunto de sete muíños que están en pé dende o século XVIII e recuperados pola Deputación da Coruña  en 1997.

Máis de 150 participantes, no Bosque Máxico

A Concellería de Benestar Social tamén programou outras saídas, neste caso para os cativos e cativas que asisten as Aulas Abertas urbanas, un programa de conciliación que se desenvolve ao longo do verán nos centros de convivencia da cidade. O vindeiro mércores, día 28, as e os usuarios destas aulas poderán participar dunha excursión programada ao Bosque Máxico de Bonxe, para o que o Goberno local pon a disposición tres autobuses que os trasladen ata este parque temático, no veciño municipio de Outeiro de Rei. O horario desta saída será de 10.00 a 13.30, un tempo que empregarán en percorrer este bosque e descubrir as súas características figuras e construcións de madeira ao tempo que participan en varias actividades programadas.

Audio

  • Olga López Racamonde, sobre as excursións de maiores e crianza | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas