Consenso entre a Alcaldesa e o tecido asociativo sobre as horas e días de funcionamento da nova ORA

Lara Méndez cualificou de “moi cordial e satisfactorio” o primeiro encontro cos colectivos, que agradeceron á rexedora que os invitase a participar directamente na elaboración da ordenanza

As asociacións quedaron emprazadas a unha nova reunión o vindeiro día 24, no que pecharán o mapa de rúas con ORA

Martes, 15 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Reunión da Alcaldesa co tecido asociativo para consensuar a nova ORA

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, cualificou de “moi cordial e satisfactorio” o primeiro encontro co tecido asociativo da cidade para abordar a nova ordenanza reguladora de aparcamentos na vía pública, unha reunión celebrada onte na que acordaron as horas e días de funcionamento da ORA. Houbo consenso en torno á proposta do Goberno, segundo a que o servizo estará en actividade en días laborables, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00. Fóra destes días e horas, todos os espazos de estacionamento consideraranse de uso libre e gratuíto. Tamén houbo sintonía sobre fixar a primeira hora de aparcamento gratis.

Os representantes dos colectivos que acudiron á xuntanza –pertencentes á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), a Federación Galega de Comercio, Lugo Centrum, Lugo Monumental, a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, a Unión de Asociacións Veciñais e Culturais (UNAVE) e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL)- mostraron á Alcaldesa o seu agradecemento por invitalos a participar directamente na elaboración da ordenanza.

As asociacións quedaron emprazadas a unha nova reunión fixada para o vindeiro xoves 24 de setembro, no que quedará pechado o mapa de rúas con ORA. Unha vez que Goberno e colectivos presentaron onte as diferentes propostas ao respecto, trátase na seguinte xuntanza de definir as rúas nas que é tecnicamente viable implantar a ORA. Neste sentido, e como exemplo, o Goberno aclarou ás asociacións que nas vías que non son de titularidade municipal non se pode establecer a ORA.

Audio

Noticias relacionadas