Concello e Deputación estudarán un proxecto para a reforma e mellora dos espazos comúns circundantes aos pavillóns de Santa María

José Tomé Roca e Lara Méndez constituíron este martes a comisión de seguimento do convenio de cesión do recinto, imprescindible para adoptar calquera decisión relacionada con estas dependencias.

Ámbolos dous organismos darán todos os pasos necesarios para poñer a disposición da cidadanía prazas de aparcamento, con todas as garantías legais e de seguridade.

Mércores, 23 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación estudarán un proxecto para a reforma e mellora dos espazos comúns circundantes aos pavillóns de Santa María

A Deputación Provincial e o Concello de Lugo constituíron este martes a comisión de seguimento do convenio de cesión do Fogar de Santa María nunha reunión celebrada na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos que estivo presidida polo Presidente provincial, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e na que participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Secretario Xeral da entidade provincial, José Mourelle Cillero, e o interventor do Concello lucense, Manuel Vázquez Fernández.

A constitución desta comisión é precisa para tomar calquera decisión sobre Santa María, segundo a última modificación do convenio de cesión do inmoble entre a Deputación e o Concello, acordada no ano 2009, e que no seu punto cuarto di: “cantas cuestións poidan suscitarse respecto á interpretación, aplicación e desenvolvemento das condicións contidas nas devanditas bases, serán resoltas por unha comisión composta polo Presidente/a da Deputación Provincial e o Alcalde/sa do Concello de Lugo”.

Ademais da constitución da propia comisión, o Presidente e a Alcaldesa acordaron hoxe celebrar unha nova reunión deste órgano o vindeiro 8 de marzo, ás 17:30 horas, para tratar a actualización do convenio de uso dos distintos pavillóns co fin de adaptalo á realidade actual; estudar a execución dun proxecto de reforma e mellora dos espazos comúns circundantes aos distintos pavillóns do complexo de Santa María; estudar as distintas solicitudes existentes, nomeadamente a da Policía Nacional, para o uso público da cidadanía de estacionamento gratuíto nos espazos resultantes das actuacións que se acometan; e a proposta de modificación do convenio para adaptalo aos acordos que se adopten ao respecto.

O Presidente subliñou que a Deputación e o Concello darán todos os pasos necesarios para poñer a disposición da cidadanía prazas de aparcamento no complexo de Santa María, “con todas as garantías legais e de seguridade, como non podería ser doura maneira, tanto para a propia Administración, como para as persoas que vaian usar este espazo para aparcar”, pero facéndoo ademais “con boas condicións de accesibilidade, de comodidade e de espazo”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez destacou a importancia de poñer novas dotacións ao servizo da cidadanía, “pero sempre nas mellores condicións e con totais garantías de seguridade, como non pode ser doutra maneira e como así se fixo, tamén, en xuño de 2018, cando dende o Concello habilitamos o parking do Seminario polas tardes e as fins de semana, o que obrigou a articular primeiro un sistema para a vixilancia e a apertura e peche das instalacións”.

“A vontade do Goberno local era nese momento, como o segue a ser agora, a de incrementar o número de prazas públicas, de feito, nos últimos dous anos entre as habilitadas en dependencias municipais, as que se crearon nos 9 estacionamentos disuasorios -dous deles para paliar os cambios que nesta materia propiciou a implantación do carril bici- os xerados tanto no novo aparcadoiro do HULA como na contorna do Hospital co repintado da sinalización horizontal, sumamos case un millar de novos estacionamentos na capital”, lembrou a rexedora.

Lara Méndez agradeceu á Deputación Provincial a receptividade amosada coa proposta trasladada polo Concello para abrir á sociedade o estacionamento de Santa María, e seguir incrementando así os aparcamentos a disposición da veciñanza e lamentou, pola contra, a ausencia de resposta que, a esta mesma solicitude, obtivo da Xunta de Galicia para que permitisen ás e aos lucenses estacionar nas súas sedes fóra do horario laboral.

“O que pon de manifesto – asegurou Méndez – a sensibilidade dos diferentes executivos para atender, con responsabilidade e con rigor, as demandas e necesidades da cidadanía, pulando alén por conseguir que cada vez haxa máis prestacións de carácter público ao alcance de todas as persoas e que estas poidan ofrecerse nas mellores condicións”.

Noticias relacionadas