Concello e Deputación avanzan nos trámites para executar as obras de humanización e desdobramento da avenida Duquesa de Lugo

A Alcaldesa e o Presidente da Deputación anunciaron o inicio do procedemento para realizar tanto o levantamento topográfico como a asistencia técnica para a redacción do proxecto desta actuación, coa que se responde a peticións veciñais

Méndez e Campos destacaron o traballo conxunto levado a cabo por ambas institucións para facer máis humano Lugo e para serlles útiles aos veciños e veciñas

Mércores, 15 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación avanzan nos trámites para executar as obras de humanización e desdobramento da avenida Duquesa de Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, acompañados do Concelleiro de Educación e Infraestruturas, Manuel Núñez, anunciaron este mércores o inicio do procedemento para realizar os estudos técnicos, tanto o levantamento topográfico como a asistencia técnica para a redacción do proxecto, para desdobrar e humanizar a Avenida Duquesa de Lugo, "unha gra obra que non soamente vai beneficiar aos 98.134 veciños e veciñas de Lugo, senón que beneficiará ao conxunto da provincia, ao tratarse dunha das arterias principais de Lugo, un punto de entrada da cidade e uha vía que une aos dous polígonos industriais do municipio, o do Ceao e o das Gándaras", tal e como subliñou a rexedora.

Pola súa banda, Darío Campos salientou o traballo conxunto levado a cabo por Deputación e Concello para facer máis humana a capital luguesa, onde vive un terzo dos veciños desta provincia.  “Fixémolo a través do Plan Urban ou do Plan Director do Río Rato, facendo zonas peonís no casco urbano ou máis espazos verdes e de lecer, humanizando Lugo para o desfrute dos nosos veciños”, destacou.

Estas obras enmárcanse no convenio de colaboración entre a institución provincial e a local, dotado dun millón de euros en tres anualidades: 500.000 para este 2016, 350.000 para o 2017 e 150.000 para o 2018.

Este novo investimento ten por obxecto darlle fluidez ao tráfico e garantir a seguridade na circulación nesta vía, na que, a día de hoxe, existen dous tramos que se atopan sen desdobramento, configurando unha calzada única con doble sentido de circulación, carentes de beirarrúas. Por unha parte está o tramo entre a Avenida Benigno Rivera e o Centro Comercial As Termas, cunha superficie de nova ocupación viaria duns 4.218,84 metros cadrados e un segundo, entre a Avenida Paulo Favio Máximo e a glorieta que da acceso á Ronda Norte, duns 2.362,31 metros cadrados. En canto ao resto de ámbito, contémplase unha actuación que conserve ao máximo a urbanizción existentes nos tramos xa desdobrados e urbanizados. En redacción de proxecto está tamén a previsión dun carril bici, un paso máis en devolverlle a cidade aos peóns e aos ciclistas, un paso máis en busca de gañar espazos públicos.

A meta do Goberno do Concello e da Deputación é ser útil aos veciños e veciñas, e con esta actuación, ambas institucións dan cumprimento a unha vella demanda da cidadanía.

Alumeado Río Rato

No acto, Campos tamén avanzou que se fará máis humano, se cabe, o Paseo do Río Rato pois, en maio, iniciaranse os traballos de iluminación deste paseo, un proceso que se iniciou a finais do pasado ano. Actuarase en 7 quilómetros entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón e situaranse 283 puntos de luz ecolóxicos (LED).

Neste punto, o Presidente tamén remarcou que "a transparencia e a legalidade coa que, como non podía ser doutro xeito, traballamos dende Deputación e Concello, é incompatible coa inmediatez tendo en conta as actuais leis que xeren as administracións públicas", ao tempo que lembrou o orzamento de dita actuación, 1,4 millóns de euros.

Audios

  • Lara Méndez, sobre humanización da avenida Duquesa de Lugo  | Descargar mp3
  • Presidente, sobre humanización  | Descargar mp3

Noticias relacionadas