
Seguridade viaria
Nos últimos días, os filtros de seguridade viaria levados a cabo polos axentes da Policía Local permitiron detectar, ademais doutras infraccións, a cinco condutores que manexaban os seus vehículos tras consumir bebidas alcohólicas.
As actuacións leváronse a cabo nas rúas Lamas de Prado, Fonte dos Ranchos, Otero Pedrayo, Sierra de Ancares e Augas Férreas.
Catro dos condutores lanzaron resultados de 0.58 / 0.59, 0.50 / 0.40, 0.47 / 0.44 e 0.34 / 0.31 mg/L; polo que foron denunciados administrativamente, o que conleva, para o primeiro deles unha sanción pecuniaria de 1000 € e a detracción de 6 puntos do permiso de conducir; e 500 € e 4 puntos para os restantes.
Outro condutor lanzou resultados de 0.81 e 0.83 mg/L, polo que é investigado por un presunto delito contra a seguridade viaria, por conducir un vehículo de motor con taxa superior a 0.60 mg/L.
Can solto en vía pública
Durante a tarde do luns día 22, a Sala do 092 recibiu varias chamadas informando da presenza dun can, na Rúa Rof Codina, que se atopaba solto e cruzaba a calzada constantemente, creando un perigo para o tráfico rodado e para o propio animal.
Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio acudiuse no lugar, comprobando a veracidade da información, polo que, tras diversas xestións, conseguiu localizar e identificar ao titular do can, que foi denunciado por infracción á Lei de Benestar Animal, por non adoptar as precaucións necesarias para que o animal non poida acceder libremente á vía pública, xa que se atopaba sen cadea nin outro medio de control.
Auxilio a cidadáns
Durante a mañá do martes, a Sala do 092 recibiu chamada sobre unha persoa que esquecera as chaves no domicilio e había un bebé, de 2 meses, só no interior. De inmediato desprazouse ao lugar un indicativo de Policía de Barrio, que comprobou que a interesada e varios veciños estaban a tentar abrir a porta pola forza, intentos que resultaban infrutuosos. Debido á urxencia da situación e aos requirimentos da nai do menor, os axentes procederon á apertura da porta de acceso á vivenda, realizando o menor dano posible, podendo comprobar que o bebé se atopaba en perfecto estado.

