
Detención por delito de lesións
A madrugada do día 18 de outubro, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, de servizo na Praza de Santa María, é requirida por un mozo ensanguentado que lles manifesta que momentos antes dous mozos agredíranlle na rúa Nova, xa que lles recriminaba a súa conduta ao observar como se dedicaban a dar patadas e tirar mesas e cadeiras dun bar, polo que sen mediar palabra comezaron a agredilo, propinándolle patadas e puñazos por todas as partes do corpo, tirándoo ao chan, notando como un dos impactos no ollo foi dado cun obxecto contundente metálico, posiblemente unha chave, interpoñéndose polo medio un grupo de amigos para que deixasen de agredilo, conseguíndoo finalmente.
Os axentes proceden á identificación de todas as testemuñas e recollida de probas, requirindo a presenza dunha ambulancia do 061, xa que a vítima presentaba lesións evidentes e aparentemente graves na pálpebra dereita, con erosións na fronte, tendo a roupa danada, sendo trasladado ao HULA para a súa atención médica.
Coas características dadas polas testemuñas e o agredido, mobilizáronse as patrullas do Grupo Nocturno da Policía Local para a procura dos agresores, sendo localizados de inmediato no adarve da Muralla, á altura da Porta Santiago, respondendo plenamente as características físicas facilitadas, manifestando ambos espontaneamente que momentos antes participaran nunha pelexa na Rúa Nova, sen especificar o motivo, polo que se procede á detención de ambos os mozos de 20 e 21 anos e veciños desta cidade, sendo trasladados a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda por un delito de lesións.
Axuda humanitaria
A noite de onte, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio da rúa Ancares, xa que ao parecer hai unha persoa durmindo no relanzo dun piso.
Acudidos de inmediato compróbase que no relanzo do segundo piso estaba tirado no chan e profundamente durmido un mozo, o cal manifesta que se atopa ben de saúde, rexeitando asistencia médica, indicando que saíu de “festa” cuns amigos, que estaba canso e refuxiouse nese edificio, quedándose durmido, abandonando o edificio e dirixíndose ao seu domicilio nunha rúa próxima.
A mesma noite unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta na rúa Montefaro un home tendido na beirarrúa, sendo atendido por unha dotación do 061, observando que presentaba signos de embriaguez, causa posible da caída, sendo trasladado ao HULA para a súa atención médica.

