
Venda ambulante non autorizada
A mañá do martes 2 de xuño, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, de servizo no parque da Milagrosa, con ocasión do mercadillo semanal, sorprenderon a NOVE persoas exercendo venda ambulante non autorizada, levantando actas de denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por ocupación de espazo público para o exercicio da venda ambulante non autorizada, propoñéndose sanción a cada un deles de 600 euros.
Así mesmo, na rúa Quiroga Ballesteros levantouse acta de denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, ao sorprender a unha persoa ocupando espazo público para a venda ambulante non autorizada, sendo proposta para sanción de 600 euros.
Intervención en establecemento público
A tarde do día 2 de xuño unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un establecemento de hostalería da Av. Da Coruña, xa que un cliente introducírase no interior da barra e collía por si mesmo bocadillos e bebidas.
Os axentes preséntanse de inmediato e proceden á identificación desta persoa, un home de 63 anos e veciño desta cidade, que manifesta que ten fame e por iso introduciuse dentro da barra collendo tres bocadillos e unha bebida, abonando ao instante o consumido, sendo advertido que esta conduta non podía realizala, entendendo perfectamente a advertencia.
Furto
Na mañá de onte día 2, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, de servizo no Parque da Milagrosa, procede á identificación dunha muller que furtara unha peza de roupa dun posto do mercadillo, que semanalmente se celebra no devandito lugar, procedendo á devolución da peza ao seu dono e confeccionando o correspondente parte de intervención policial.
Auxilio a cidadán
A tarde do día 2 unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da zona norte da cidade xa que unha persoa de avanzada idade caeuse no interior do seu domicilio e non era capaz de levantarse, observando os axentes que esta persoa está no chan do dormitorio, sendo incorporado polos axentes que o deitan na cama, rexeitando asistencia médica e quedando ao cargo da súa coidadora.

