
Detención por roubo e agresión
Na tarde do día 23 de maio varias patrullas da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, son comisionadas pola Sala do 092 para que acudan a un local da rúa Campos Novos, xa que ao parecer hai dúas persoas roubando e enfrontándose aos camareiros.
Ao chegar a primeira patrulla os presuntos autores comezan a correr, sendo perseguidos polos policías que logran interceptar a un deles, dándose á fuga o outro home, ofrecendo resistencia polo que tivo que ser inmobilizado.
O persoal do establecemento manifesta que cando entraron no almacén atopáronse con dous individuos que estaban a subtraer botellas de aceite e cando tentaron impedir o roubo, o home que foi interceptado polos axentes, comezou a agredir a un dos camareiros con patadas, escapando os dous á carreira.
Os policías atopan diversas botellas (4 de aceite e 1 de licor) escondidas no portal dun inmoble próximo, xa que a idea destas persoas era entrar e saír varias veces do almacén para levar canta máis mercadoría puidesen, recoñecendo os camareiros do local á persoa interceptada polos axentes como un dos participantes no roubo, un home de 28 anos, veciño de Lugo, polo que é detido e trasladado a dependencias policiais, onde se instrúen dilixencias para a súa remisión ao Xulgado de Garda.
Para a localización do outro home participante no roubo, establécese un dispositivo de procura, que conclúe coa localización e detención desta persoa, un home de 25 anos e veciño desta cidade, que é conducido a dependencias policiais para a instrución de dilixencias e posta ao dispor da autoridade xudicial.
Axuda humanitaria
No día de onte, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo interviñeron en dous servizos de auxilio a cidadáns.
O primeiro produciuse na praza Fonte dos Ranchos onde os axentes atopan a unha muller de avanzada idade que estaba desorientada e non sabía volver á súa vivenda, sendo auxiliada polos policías que a trasladan ao domicilio.
A segunda intervención leva a cabo nun edificio da rúa Curros Enríquez onde unha persoa caeuse no interior da súa vivenda e non era capaz de incorporarse, sendo auxiliada polos policías que a levantan do chan, deitándoa na cama.

