
Dispositivo conxunto entre Policía Local de Lugo e Policía Nacional para o control de locais de lecer nocturno
Durante a pasada fin de semana, no marco dos dispositivos especiais de control para garantir a paz social e o respecto á normativa vixente, efectivos da Policía Local de Lugo e da Policía Nacional levaron a cabo diversas actuacións en establecementos de lecer nocturno, destacando as seguintes intervencións:
Control de locais de lecer
A vixilancia dos establecementos abertos ao público deu como resultado:
- Dous locais denunciados por manter a actividade fóra do horario permitido, conforme á Lei 10/2017 de Espectáculos Públicos de Galicia, enfrontándose a sancións por incumprimento de horarios.
- Un establecemento sancionado por manter as portas abertas durante a súa actividade, en infracción ao disposto na Ordenanza Municipal de Protección Ambiental ao afectar ao descanso veciñal.
- Dous locais denunciados por reproducir música sen autorización municipal, incumprindo igualmente a Ordenanza de Protección Ambiental e a Lei 10/2017.
- Un establecemento sancionado por carecer dos carteis de información obrigatorios ao consumidor, vulnerando a Lei 10/2017 de Espectáculos Públicos de Galicia, que esixe a exhibición de información básica como o aforo, as follas de reclamacións ou medios de contacto para reclamacións.
- Un local denunciado por permitir fumar no seu interior, contravindo a Lei 28/2005 de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo, nun espazo pechado de uso público, considerado como infracción grave.
- Procedeuse á identificación de 25 persoas, dentro dos controis preventivos de seguridade con intervención dunha substancia estupefaciente (acta por consumo/posesión ilícita de drogas conforme ao artigo da Lei 4/2015) e a intervención dunha arma branca, tramitándose a correspondente acta conforme ao mesmo texto legal por portar armas prohibidas en lugares públicos.
Colaboración en materia laboral
Durante unha inspección nun establecemento, os axentes detectaron que dúas persoas estaban traballando tras a barra do local. Unha delas acreditou a súa relación laboral mediante nómina recente, pero a outra manifestou traballar sen contrato en calidade de extra. Ante esta circunstancia, os feitos foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo, dado que poderían constituír unha infracción en materia laboral, conforme ao previsto na normativa vixente.
Desde a Policía Local de Lugo lémbrase que estas intervencións teñen como único obxectivo protexer o benestar de todos os cidadáns, asegurando un contorno urbano respectuoso, seguro e axustado ás normas.
Venda ambulante non autorizada
Efectivos da Policía Local de Lugo intensificaron a vixilancia no recinto do Parque da Milagrosa, con ocasión do mercadiño semanal, sorprendendo a catro persoas que ocupaban espazo público para venda ambulante sen autorización, levantándose actas por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, propoñéndose sanción de 600 euros a cada un deles.
Comportamentos incívicos en vía pública
No casco histórico, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo sorprenderon a CINCO persoas ouriñando en vía pública, sendo identificados e denunciados por infracción á Lei de Residuos de Galicia, propoñéndose sanción de ata 900 euros a cada un deles.

