
Delito de furto
Sobre as 17:35 horas do día 28 de novembro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un supermercado da rúa Xosé Novo Freire xa que ao parecer tiñan retido ao autor dun furto.
Os axentes son informados polo persoal do establecemento de que, momentos antes, o mozo retido, de 14 anos de idade, en compañía dun neno de 8 anos e outro mozo un pouco maior tentara levar produtos da tenda, escondéndoos nun carro de bebé que portaba e que tanto o neno como o outro mozo fuxiran do lugar, deixando o carriño e ao rapaz retido, autor dos feitos.
O menor retido manifesta aos axentes que era certo que tentara levar produtos da tenda, descubrindo no interior do carriño de bebé varias botellas de aceite, queixos, carne e bolsas de friame e achando no fondo do carriño unha bolsa de cor azul que contiña 24 packs de xamón e un queixo.
Os axentes localizan ao pai do menor que se presenta no establecemento facéndose cargo do mozo. Que ao indicar o persoal deste establecemento que os packs de xamón e o queixo non pertencen a esa tenda, os axentes entran nas tendas da zona e nun establecemento da Avenida de Ramón Ferreiro e detectan que os estantes do xamón están baleiros, procedendo ao visionado das cámaras de seguridade onde se observa a estes mozos furtando a mercadoría e introducíndoa no carriño de bebé, recoñecendo a encargada os obxectos como de propiedade da tenda, procedéndose a instruír dilixencias para a súa remisión á Autoridade Xudicial polo delito de furto, sendo o valor da mercadoría subtraída de 201 euros.
Auxilio á cidadanía
Sobre as 15:50 horas unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta na rúa Aguirre a unha persoa de avanzada idade que se despraza axudada de muletas con moita dificultade, cunha bolsa colgando e moi desarranxada. Os axentes tamén observan que nun pé ten unha venda grande, manchada de sangue, manifestando esta persoa que ten bastante dor, sendo auxiliada e trasladada a un centro sanitario para a súa atención médica.