
Actuación policial por un novo caso de violencia de xénero no centro urbano
A Policía Local de Lugo interveu na noite do sábado 25 de outubro nun novo caso de violencia de xénero que se produciu no interior dunha vivenda da Rúa Teatro. A rápida actuación dos axentes permitiu protexer á vítima, deter ao presunto agresor e evitar un posible desenlace tráxico.
A muller, visiblemente afectada, relatou aos axentes que fora ameazada e insultada de forma grave pola súa parella, quen, segundo manifestou, non era a primeira vez que adoptaba este tipo de comportamentos intimidatorios. Entre os insultos e ameazas proferidos, atopábanse expresións de extrema violencia verbal, polo que se activou de inmediato o protocolo de actuación en casos de violencia de xénero.
Durante a intervención, os axentes procederon á detención do home, quen manifestou ante os policías a súa intención de lanzarse pola xanela antes da súa chegada, o que motivou o seu traslado baixo custodia ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) para unha valoración médica urxente.
Unha vez dada a alta médica, e tras varias horas de custodia hospitalaria por parte da Policía Local, o detido foi trasladado na mañá do domingo a dependencias policiais para o seu ingreso en calabozos e posterior traslado xudicial.
Desde o corpo municipal lémbrase que a violencia de xénero segue sendo unha prioridade absoluta nos labores de prevención e actuación inmediata, e insístese na importancia de que as vítimas sentan acompañadas, seguras e protexidas en todo momento. A colaboración cidadá, a coordinación con servizos médicos e xudiciais coa intervención dos axentes son clave para frear estas condutas.
Intervención policial por subtracción de efectos nun céntrico hotel da cidade
A Policía Local de Lugo interveu na mañá do pasado luns tras ser requirida polo persoal dun Hotel da zona norte da cidade, ante a sospeita de que un cliente puidese subtraer diversos obxectos de uso interno do aloxamento.
Segundo trasladaron os empregados, a desaparición produciuse durante o servizo de almorzo buffet, momento en que notaron en falta varias caixas, luvas de limpeza, un neceser con efectos persoais e, especialmente, unha caixa con máis de 50 xogos de chaves das habitacións do hotel, elemento de seguridade altamente sensible.
Os axentes desprazáronse de inmediato ao establecemento, onde localizaron ao hóspede sospeitoso nunha das habitacións. Este permitiulles a entrada, polo que puideron observar a primeira ollada algúns dos obxectos extraviados. Con todo, a caixa con todas as chaves foi atopada oculta entre unhas mantas, o que motivou unha actuación máis exhaustiva.
Dado que o home, natural de Tenerife con 35 anos de idade, presentaba incongruencias na filiación facilitada e a responsable do hotel manifestou a súa intención de formular denuncia, foi trasladado a dependencias policiais para completar a súa identificación.

