
Balance de seguridade viaria e control en zonas sensibles durante a fin de semana
A Policía Local de Lugo, no seu firme compromiso coa seguridade viaria e a protección da cidadanía, intensificou durante esta pasada fin de semana os dispositivos de control e prevención en distintos puntos da cidade, especialmente en zonas con alta concentración de vehículos e persoas.
Resultados das probas de alcohol e drogas
Durante as diferentes actuacións rexistráronse os seguintes resultados:
- Alcohol con taxa inferior a 0,50 mg/l: 2 condutores sancionados con 500 € de multa e retirada de 4 puntos do permiso de conducirl. (Taxas rexistradas: 0,45 / 0,29 mg/l).
- Alcohol con taxa superior a 0,50 mg/l: 6 condutores sancionados con 1.000 € e retirada de 6 puntos (agás en vehículos de mobilidade persoal, VMP). (Taxas rexistradas: 0,75 (VMP), 0,53, 0,56, 0,53, 0,90 (penal) e 0,85 (penal) mg/l). Destácase que un dos positivos corresponde a un condutor dun vehículo de mobilidade persoal (VMP), o que reforza a importancia de lembrar que bicicletas e VMP están sometidos ás mesmas obrigas de seguridade viaria que o resto de vehículos.
Mención especial merecen dous positivos en alcohol penalmente relevantes (0,90 e 0,85 mg/l), coa apertura de dilixencias xudiciais por delitos contra a seguridade viaria.
- Presenza de drogas no organismo: 6 condutores sancionados por presenza de substancias prohibidas, con multas de 1.000 € e retirada de 6 puntos cada un. (Substancias detectadas: THC, anfetaminas, cocaína e combinacións de cocaína + THC). O elevado número de positivos en drogas evidencia a necesidade de seguir mantendo os controis e reforzando a vixilancia preventiva en toda a cidade.
Operativo especial de control en zonas de concentración de vehículos. Despregamento preventivo no Polígono das Gándaras durante unha KDD non autorizada
Durante a noite do sábado 26 ao domingo 27 de abril, o grupo operativo nocturno da unidade territorial de Policía de Barrio despregou un dispositivo especial no Polígono das Gándaras ante a concentración espontánea de numerosos vehículos de estilo tuning e sospeitas de posibles carreiras ilegais.
Froito desta vixilancia, detectouse a varios condutores realizando maniobras neglixentes e conducións temerarias. En particular, un dos condutores foi interceptado tras cambiar de carril a alta velocidade sen sinalizar e case non se deter ante a orde de detención policial.
Posteriormente, ao sometelo á proba de alcohol e drogas, resultou positivo en substancias estupefacientes, ademais de mostrar unha actitude altiva, irrespectuosa e de desprezo cara aos axentes actuantes. Formalizáronse varias actas de denuncia por desobediencia, falta de respecto aos axentes (LO 4/2015) e conducín neglixente.
A profesionalidade dos policías locais demostrou unha vez máis a importancia da presenza preventiva e disuasoria en zonas sensibles. A Policía Local de Lugo reafirma o seu compromiso coa protección da cidadanía, o control de condutas de risco na vía pública e a mellora da convivencia urbana. Estas intervencións reforzan unha mobilidade segura para todos. A seguridade viaria é responsabilidade de todos.
Resumo de actuacións humanitarias e de auxilio á cidadanía
A Policía Local de Lugo segue a demostrar o seu compromiso firme coa atención humanitaria e a colaboración cidadá, intervindo en numerosas situacións de auxilio e apoio a persoas vulnerables ao longo da pasada semana. Estas actuacións reflicten o espírito de servizo público, a vocación asistencial dos axentes e a importancia dunha acción policial próxima e eficaz.
- Localización de menor con autismo en autobús urbano. Grazas á colaboración da condutora dun autobús urbano da liña 12, a Policía Local puido localizar e protexer a un menor duns 10 anos que se escapara do seu domicilio en situación de risco. O menor, que presentaba un diagnóstico de autismo, foi atopado descalzo e desorientado, e grazas á rápida intervención dos axentes foi entregado sans e salvo á súa familia, evitando así posibles danos persoais.
- Auxilio a persoa desorientada en Orbazai. Axentes da Policía Local prestaron asistencia a un home que, tras percorrer a pé varios quilómetros, se atopaba desorientado nas inmediacións da igrexa de Orbazai sen poder retornar ao seu domicilio. Tras comprobar o seu estado de saúde, os axentes procederon a trasladalo con seguridade ata o seu fogar, garantindo a súa protección en todo momento.
- Acceso de emerxencia en domicilio tras caída. Nunha actuación conxunta da Policía Local cos servizos de emerxencias sanitarias e bombeiros, interviuse na evacuación dunha persoa que sufrira unha caída no interior da súa vivenda. Grazas á rápida coordinación entre os corpos actuantes, logrouse acceder ao domicilio, auxiliar ao afectado e facilitar o seu traslado urxente ao hospital para valoración médica.
- Activación de alarmas de teleasistencia. Tras recibir un aviso por falta de resposta dunha usuaria do dispositivo de teleasistencia, os axentes comprobaron o seu estado e confirmaron que se atopaba ben, tratándose dunha falsa alarma. Nun segundo servizo similar, e tras non lograr resposta ás chamadas nin do familiar, foi necesario o acceso forzado por parte dos bombeiros a un domicilio. A persoa foi localizada en bo estado de saúde, evidenciando a importancia destes dispositivos de atención a persoas maiores e a colaboración entre corpos de emerxencia para garantir a atención inmediata.
- Asistencia a muller en grave estado de intoxicación. A Policía Local actuou de urxencia na rúa Tui, onde unha muller foi atopada tirada entre dous coches, desorientada e con síntomas de intoxicación grave. A rápida asistencia dos axentes e o seu traslado hospitalario evitaron males maiores. Posteriormente, detectouse a súa presenza no hospital en estado de alteración, o que obrigou a novas actuacións para a súa protección. Os axentes subliñan a necesidade urxente de intervención social e sanitaria especializada para abordar este tipo de situacións de risco persistente.
- Rescate e asistencia a persoa caída en domicilio. Unha intervención rápida permitiu auxiliar a un veciño da cidade que, debido a un problema de saúde relacionado coa diabetes, sufrira unha caída na súa vivenda. Tras forzar o acceso con axuda de servizo de pechaduras e asistir ao afectado, coordinouse o seu traslado ao hospital para a súa atención médica inmediata.
Desde a Policía Local de Lugo pónse en valor o traballo diario dos axentes, non só en materia de seguridade, senón tamén como primeiro elo de auxilio social. A súa resposta rápida, profesionalidade e sensibilidade en situacións críticas son esenciais para garantir a atención aos máis vulnerables.

