Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 29 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Delito contra a seguridade viaria

Sobre as 1:45 horas do día 29 de marzo unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, de servizo pola Avenida da Coruña, observa como un vehículo sae dun estacionamento e realiza unha “buxaina”, nunha condución neglixente.

Os axentes danlle o “alto” e observan que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,72 mg/l, polo que foi trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, quedando o vehículo inmobilizado.

Precinto de vehículo por embargo

Durante a madrugada do día 29 de marzo procedeuse á localización dun vehículo sobre o que pesaba mandamento de procura e captura por EMBARGO, sendo trasladado polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal onde quedou PRECINTADO ao dispor do organismo competente.

Ruídos en interior de vivenda

Sobre as 3:50 horas do día 29 de marzo unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio da Avenida de Coruña xa que os veciños quéixanse dos ruídos que proveñen dunha vivenda.

Os axentes comproban que desde a rúa xa se escoita música en ton moi alto así como ruídos por actividade humana, incompatibles co descanso nocturno, sendo identificado o responsable ao que se lle require para que cesen as molestias ao que accede ao momento, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 19:40 horas do día 28 de marzo unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade aos xardíns da rúa San Roque xa que ao parecer había unha persoa deitada nun banco desde hai máis de dúas horas. Os axentes comproban que se trata dun home de 58 anos que se acha baixo os efectos de bebidas alcohólicas, completamente ouriñado e sen poder coordinar as súas palabras, prestándolle o auxilio necesario e requirindo a presenza dunha ambulancia do 061 para o seu traslado ao HULA, localizando a un familiar ao que se lle informou de todo o actuado.

Noticias relacionadas