Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 28 de xuño de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Auxilio a viandante

Á 1’45 horas do venres día 28, a Sala do 092 recibe información sobre unha persoa indisposta na Avd. Paulo Fabio Máximo, polo que comisiona no lugar un indicativo do Grupo Operativo Nocturno. Os axentes son recibidos no lugar por un grupo de persoas, que manifestan que atoparon á muller, de 21 anos de idade, tendida sobre a calzada, polo que a apartaron cara á beirarrúa, lugar onde se atopaba nese momento. Ao observar os policías que presenta signos compatibles coa inxesta de alcol e dado que a muller manifesta acharse a tratamento médico, solicitan a presenza dunha ambulancia do 061, que se presenta aos poucos minutos e faise cargo da atención da nova.

Menor perdido

Ás 16’35 horas do xoves, a Sala do 092 comisionó un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio na Rolda da Muralla, desde onde se alertou sobre un neno deambulando pola rúa só e chorando. Os axentes son recibidos por dous homes, un deles un membro da Garda Civil fóra de servizo, que manifestan atopar ao neno, de 6 anos de idade, chorando e descalzo. Pasados poucos minutos, cando os axentes realizaban indagacións para a localización dalgún familiar do menor, preséntase no lugar a nai do neno, que di ausentarse do domicilio uns minutos para facer un recado atopando a casa baleira cando regresou.

Incendio en solar

Ás 17’55 horas do xoves, unha patrulla de Policía de Barrio acudiu a unha leira situada na rúa Rof Carballo por un aviso de incendio nun solar. Os axentes comprobaron que saía fume da maleza, sendo sufocado o conato de incendio polo Servizo de Extinción, que se presentou no lugar de inmediato.

Colaboración con 061

Ás 18’15 horas do xoves, unha patrulla de Policía de Barrio foi comisionada nunha vivenda da Estrada de Fonsagrada, xa que o Servizo do 061 requirira colaboración policial. Os axentes contactan cos sanitarios e coa requirente do servizo, cuxo fillo se atopa a tratamento psiquiátrico e posiblemente estea a sufrir un brote, xa que se puxo agresivo e ameaza con autolesionarse, polo que os policías colaboran co 061 para o traslado do mozo a un centro médico.

Retirada de enxame de abellas

Ás 15’30 horas do xoves, a Sala do 092 recibe información sobre a existencia dun enxame de abellas na rúa San Roque, polo que envía ao lugar un indicativo de Policía de Barrio. Os axentes comproban a veracidade da información e proceden a acordoar unha das beirarrúas, para evitar risco aos viandantes, ata que o enxame é retirado do lugar.

Noticias relacionadas