Controis de seguridade viaria en Lugo: unha semana con dous condutores sen permiso e varias alcoholemias penais
Durante a semana pasada, a Policía Local de Lugo reforzou a súa presenza en puntos estratéxicos da cidade, desenvolvendo actuacións dirixidas a previr condutas perigosas na condución e garantir unha mobilidade segura para todos os usuarios da vía pública.
Dous condutores sen permiso de condución
O primeiro resultou ser un condutor dun turismo que foi interceptado tras ter perdido a totalidade dos puntos; unha vez interceptado, manifestou aos axentes que carecía do permiso. Foi investigado penalmente por un delito contra a seguridade viaria, conforme ao artigo 384 do Código Penal, e incoouse o correspondente expediente xudicial. Días despois, detectouse un segundo condutor por carecer do permiso de condución, pero esta vez por non telo obtido nunca. Tamén se iniciaron dilixencias penais polo mesmo delito.
Dúas alcoholemias penais e unha administrativa
Unha intervención rápida permitiu localizar o condutor dun turismo que, tras causar danos a unha motocicleta, se refuxiou nun portal coa intención de evadir o control policial. Varios testemuños sinalaron que conducira instantes antes e presentaba síntomas moi evidentes de embriaguez, motivo polo cal foi requirido para someterse ás probas regulamentarias que confirmaron unha taxa de 0,96 e 1,09 mg/l, iniciándose as dilixencias penais correspondentes.
Días máis tarde, interviuse nun accidente por alcance no que un dos condutores implicados arroxou un resultado de 0,86 mg/l en ambas probas. Foi citado para xuízo rápido baixo a instrución do expediente penal por accidente de circulación e taxa penal de alcoholemia.
Por outra banda, tramitouse unha alcoholemia administrativa tras obterse taxas de 0,53 e 0,47 mg/l. A persoa foi sancionada conforme ao previsto na Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria.
Continúa a firmeza fronte a condutas que poñen en risco a seguridade viaria coa detección preventiva destas condutas, que moitas veces xa son frecuentes, o que permite actuar antes de que xeren consecuencias máis graves.
Intervencións asistenciais: protección e acompañamento en situacións de vulnerabilidade
Asistencia reiterada en domicilio
Colaborouse no domicilio dunha persoa maior con graves dificultades de mobilidade para incorporarse á cama. É a segunda vez que os mesmos axentes acoden por este motivo, evidenciando a necesidade da axuda policial para casos urxentes de asistencia domiciliaria. Informouse á esposa do afectado sobre a conveniencia de contactar cos servizos de asistencia domiciliaria para garantir o benestar do seu marido. A intervención rematou sen incidentes, pero pon de relevo unha situación que require seguimento.
Caída sen lesións no fogar
Colaborouse con persoal sanitario tras o aviso do 061 pola caída dun home no seu domicilio. O afectado atopábase no chan, sen poder erguerse polos seus propios medios, e foi incorporado coa axuda dos axentes. Rexeitou atención médica e permaneceu acompañado pola súa esposa. Un exemplo de como a coordinación rápida entre servizos permite resolver con axilidade episodios cotiáns que poden complicarse se non se atenden a tempo.
Protección a menor tras conflito familiar
Unha menor de 17 anos pediu auxilio desde o interior dunha vivenda tras presenciar unha discusión entre uns familiares por parte do seu pai. A nai da moza, desde Ponteareas, alertou aos servizos de emerxencia por dita situación. Á chegada dos axentes, a menor atopábase na vía pública cunha maleta, visiblemente afectada. Acompañada en todo momento polos efectivos policiais, manifestou o seu temor a regresar á vivenda. Tras constatarse que non existían signos de violencia, e priorizando o seu benestar emocional, acordouse o seu traslado a un entorno máis seguro xunto cunha amiga próxima, todo iso coordinado coa nai. A intervención foi especialmente delicada e estivo orientada en todo momento ao interese superior da menor.
Intervención por presunto caso de violencia de xénero
A noite do 20 de maio, axentes acudiron a unha vivenda onde unha muller denunciou ter sido empurrada polo seu marido, en estado ebrio, tras unha discusión. A vítima, entre bágoas, relatou episodios anteriores de agresión. Ante a situación, os axentes detiveron ao presunto agresor, quen se atopaba durmindo na vivenda. Informouse á vítima dos seus dereitos e ofreceuse atención médica. A intervención axustouse estritamente ao “protocolo cero” previsto en casos de violencia de xénero, actuando coa máxima dilixencia e protección cara á vítima.
Na Policía Local existe un compromiso firme coa atención social e a seguridade familiar, destacando o traballo dos axentes actuantes nestes servizos, que combinan profesionalidade e empatía en contextos emocionalmente complexos.

