Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Luns, 27 de xaneiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Actuacións relacionadas co temporal de vento e chuvia

Durante a tarde do venres, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio tiveron que acudir á Estrada Vella de Santiago, pola caída dunha árbore sobre a vía pública; á rúa Salvador de Madariaga, pola caída de fragmentos de cuberta dun inmoble á vía pública; rúa Pederneira, polo desprendemento dunha parte dun canalón de desaugue; Avda. de Ramón Ferreiro, pola caída dunha parte dun andamio; Avda. Marqués de Ombreiro, polo desprendemento dunha parte da fachada dun edificio; e Rúa do Merlo, polo desprendemento da cuberta dunha terraza.

Durante a noite do mesmo venres, os axentes do Grupo Operativo Nocturno tiveron que trasladarse a dous inmobles da rúa Yáñez Rebolo e a un da Avda. de Magoi, pola caída de cascallos á vía pública; así como á Avda. da Coruña, pola caída do letreiro dun establecemento.

Durante a mañá do domingo, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasladouse á Avenida da Coruña onde, desde a fachada dun inmoble, caeron cascallos á vía pública. Os axentes, tras comprobar a veracidade da chamada, proceden a asegurar a zona e solicitar a presenza dos Bombeiros, que realizan unha comprobación do resto de elementos que configuran o marco dunha das ventás (de onde caeron os fragmentos da fachada). Foi avisada a propietaria da vivenda.

A mesma mañá, os axentes de Policía de Barrio trasladáronse á rúa Monforte por un motivo similar, aínda que neste caso os fragmentos desprendidos da fachada causaran danos en varios vehículos estacionados. Os axentes acordoan a zona e solicitan presenza de Bombeiros, que retiran os elementos con risco de caída. Tamén se comproba que finalmente non había ningún vehículo afectado.

Durante a tarde do domingo, os axentes de Policía de Barrio tamén se trasladan á Avda. da Coruña, inmediacións da rúa Ferreiriño, onde había unha "balsa" de auga na calzada; á Estrada Vella de Santiago, pola caída dunha árbore; á rúa Santo Grial, pola caída de fragmentos da fachada dun edificio.

Durante a noite do mesmo día, o Grupo Operativo Nocturno trasládase á Avda. Benigno Rivera, por chapas metálicas dun edificio con risco de desprendemento; Cova da Serpe, por risco de caída dunha antena dun edificio; Paredes, pola caída dun poste de telefonía móbil; e Fervedoira, por balsa de auga sobre a calzada.

Accidente de circulación (danos no Miliario)

Ás 14:20 horas do sábado, a Sala do 092 é informada dun accidente de circulación na rúa Armañá, onde un vehículo derrubou o “Miliario”. Trasládase de inmediato ao lugar un indicativo de Policía de Barrio, que procede á identificación do condutor do turismo, que arroxa resultado negativo nas probas de alcoholemia, manifestando que sufriu un despiste. O “Miliario” foi retirado do lugar, á espera de que poida ser reposto, para evitar que puidese ser manipulado durante as horas nocturnas.

Auxilio a cidadáns

Durante a tarde do venres, os axentes de Policía de Barrio trasladáronse a unha vivenda da rúa Curros Enríquez, onde axudaron a unha muller, que se atopaba deitada no chan, a levantarse, tras o cal foi capaz de moverse pola súa conta utilizando o bastón.

Durante a noite do mesmo día, os axentes do Grupo Operativo Nocturno trasladáronse a un domicilio da Rolda de Fingoi, onde axudaron a outra muller por un motivo similar ao anterior.

Ás 5:35 horas do domingo, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno que realizaba patrulla preventiva polo centro da cidade foi informado dunha persoa que podería necesitar axuda na Praza do XII, onde localizaron un home, presuntamente baixo a influencia dalgunha substancia, con comportamento delirante e tentando autolesionarse, polo que foi inmobilizado ata a chegada dos servizos médicos, sendo acompañado na ambulancia polo servizo policial, ata o seu ingreso no HULA.

Molestias por ruídos

Durante a noite do venres, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a unha vivenda da rúa Pontevedra, onde os veciños se queixaban do ruído procedente dun dos pisos. Os axentes comprobaron que dese domicilio procedía música e advertiron á inquilina de que debía baixar o volume para evitar as molestias causadas. Os axentes víronse obrigados a regresar ao lugar polo mesmo motivo, tras novos requirimentos, polo que finalmente confeccionaron acta denuncia por unha presunta infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por desobediencia aos axentes da autoridade.

Control de establecementos

Durante a noite do sábado ao domingo, realizouse un operativo conxunto con axentes da Policía Nacional e da Policía Local, realizando unha inspección de dous locais de lecer nocturno, un deles situado na Rolda da Muralla e outro na rúa Catedral, cos seguintes resultados:

No establecemento da Rolda da Muralla procedeuse á identificación de 26 persoas, comprobando e denunciando as seguintes infraccións:

  • Posuír droga en lugares públicos (dúas actas de drogas) (Lei de Protección da Seguridade Cidadá).
  • Non presentar o título habilitante para exercer a actividade (Lei de Emprendemento).
  • Incumprir as condicións de seguridade e hixiene, ao presentar deficiencias en enchufes e cableado, con existencia de numerosas regletas con múltiples conexións (Lei de Emprendemento e Competitividade Económica de Galicia).
  • Falta de limpeza e hixiene nos aseos (Lei de Emprendemento).
  • Permitir fumar no interior do local (Lei de Medidas Sanitarias fronte ao Tabaquismo).
  • Permitir sacar ao exterior vasos e consumicións (Ordenanza de Contaminación Acústica).
  • Exercer a actividade con equipo de reprodución musical e as portas abertas (Ordenanza de Contaminación Acústica).
  • Venda de alcol a menores de idade, ao identificar unha moza, de 16 anos, consumindo alcol (Lei de Prevención do Consumo de Bebidas Alcohólicas por Menores de Idade).

No establecemento da rúa Catedral procedeuse á identificación de 20 persoas, comprobando e denunciando as seguintes infraccións:

  • Posuír droga en lugares públicos (unha acta de drogas) (Lei de Protección da Seguridade Cidadá).
  • Non presentar o título habilitante para exercer a actividade (Lei de Emprendemento).
  • Permitir fumar no interior do local (Lei de Medidas Sanitarias fronte ao Tabaquismo).
  • Venda de alcol a menores de idade, ao identificar dous menores, de 17 anos, consumindo alcol (Lei de Prevención do Consumo de Bebidas Alcohólicas por Menores de Idade).
  • Non presentar o seguro de responsabilidade civil (Lei de Espectáculos Públicos de Galicia).

Durante a intervención realizada na rúa Catedral foi necesaria tamén a identificación dun mozo que, aínda que foi advertido polos axentes que aseguraban o perímetro da zona de que non se podía internar no mesmo, o home insistía en facelo, polo que finalmente se confeccionou acta-denuncia por desobediencia aos axentes da autoridade.

Intervención de altofalante

Durante as inspeccións citadas no apartado anterior, os axentes comprobaron que, desde a zona do atrio da Catedral, procedía música con volume moi elevado, comprobando que se trataba dun grupo de mozos que portaba un altofalante de grandes dimensións. Ao non identificarse ningún dos mozos como propietario do citado altofalante, o mesmo foi intervido e depositado en dependencias policiais.

Filtros de seguridade viaria

Durante os filtros de seguridade viaria realizados polos axentes da Policía Local detectáronse e denunciáronse as seguintes infraccións:

  • Controis de velocidade na Estrada Vella de Santiago, Avda. de Madrid, Rolda das Fontiñas, rúa Aller Ulloa. Foron controlados 805 vehículos, dos cales foron denunciados 41 por circular a unha velocidade superior á máxima permitida. Na rúa Aller Ulloa, onde a velocidade está limitada a 50 km/h, sorprendeuse un condutor circulando a 94 km/h.
  •  Localización de dous vehículos cuxo precinto fora reclamado pola administración local, polo que foron trasladados ao Depósito Municipal de Vehículos, onde foron precintados ata que os seus titulares regularicen a súa situación.
  •  Cinco vehículos de mobilidade persoal (VMP) denunciados por circular pola beirarrúa ou por zonas peonís.
  •  Un vehículo que, tras unha fuxida por varias rúas da cidade, foi localizado estacionado (tras causar danos no turismo estacionado na praza contigua) e foi retirado coa grúa municipal ao carecer de seguro obrigatorio e por non pasar a inspección técnica periódica no prazo debido. O seu condutor, ademais, foi denunciado por conducir de forma temeraria, por desobedecer as ordes dos axentes da autoridade e por estar implicado nun accidente de circulación e non facilitar os seus datos.
  •  Sete denuncias por resultado positivo nas probas de alcoholemia, nas rúas Sabugo, Manuel María, Rolda de Fingoi, Rolda das Fontiñas, Rolda Muralla, Monte Faro e Avda. da Coruña.
  •  Unha alcoholemia penal, coa instrución de dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria.
  •  Un condutor sorprendido ao volante cando carecía de permiso de conducir, por non telo obtido nunca, polo que se instruíron dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria.

Multimedia

  • Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas