A Policía Local de Lugo reforza os controis para garantir unha mobilidade segura e responsable.

A Policía Local de Lugo intensificou nos últimos días o seu labor de vixilancia e prevención en materia de seguridade viaria, centrando os seus esforzos no control do consumo de alcohol e drogas ao volante. Estas vixilancias buscan detectar condutas de risco e protexer ao conxunto da cidadanía para garantir unha mobilidade máis segura.
Froito desta vixilancia, detectáronse 10 casos de alcoholemia positiva no ámbito administrativo, 1 alcoholemia con dilixencias penais contra un condutor que superaba amplamente a taxa mínima permitida e 4 positivos en consumo de drogas (haxix e cocaína). Destaca que, das 15 intervencións, 3 correspondían a condutores de Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), o que reforza a necesidade de extremar a prudencia neste tipo de desprazamentos, xa que un deles arroxou unha taxa de 0,91 mg/l aire expirado.
A Policía Local lembra que este tipo de controis ten un obxectivo preventivo e de concienciación, reforzando a vixilancia para seguir reducindo os riscos na circulación e garantir contornas urbanas máis seguras para peóns, condutores e usuarios de VMP.
Alcohol con taxa inferior a 0,50 mg/l
- Total: 6 denuncias
- Sanción: 500 € e retirada de 4 puntos
- Taxas rexistradas: 0,30 / 0,31 / 0,35 / 0,36 / 0,37 / 0,39 mg/l
Alcohol con taxa superior a 0,50 mg/l
- Total: 5 denuncias
- Sanción: 1.000 € e retirada de 6 puntos (agás VMP)
- Taxas rexistradas: 0,52 / 0,59 / 0,65 / 0,67 / 0,91 mg/l (un deles en VMP sen perda de puntos)
Presenza de drogas no organismo
- Total: 4 denuncias
- Sanción: 1.000 € e 6 puntos
- Casos:
- THC (VMP) - Sen perda de puntos
- THC - 6 puntos
- THC - 6 puntos*
- COC + THC - 6 puntos
*Concretamente, nunha das tarefas de prevención viaria, unha patrulla observou circulando pola Avenida Infanta Elena un turismo con matrícula estranxeira, cuxo condutor parecía estar facendo uso dun dispositivo móbil ao volante.
O vehículo foi interceptado para levar a cabo a identificación do seu condutor, cidadá brasileiro con permiso de residencia en Portugal e permiso de conducirl brasileiro. Unha vez verificado que non estaba a utilizar ningún dispositivo móbil, os axentes detectaron un forte cheiro a substancia estupefaciente que proviña do interior do vehículo.
Ao ser preguntado polos axentes, o condutor recoñeceu ser consumidor habitual de haxix e entregou voluntariamente unha pedra de dita substancia, que levaba no peto da súa chaqueta. Ante estes feitos, solicitouse a presenza da unidade de Atestados da Policía Local de Lugo, que lle realizou as probas de detección de drogas, arroxando un resultado positivo en cannabis (haxix).
Asistencia social e atención a persoas en situación de vulnerabilidade
A Policía Local reforzou o seu papel social con varias actuacións asistenciais que garantiron a protección de persoas vulnerables:
- Localización de dúas persoas fuxidas dun centro psiquiátrico: Axentes da Policía Local, en coordinación coa Policía Nacional, localizaron na Avenida da Coruña a dúas persoas que fuxiran o día anterior dun centro psiquiátrico da provincia, onde estaban ingresadas por orde xudicial. A localización produciuse tras o aviso dunha traballadora do centro, confirmándose a súa identidade e situación a través da Sala do 092, levando a cabo a xestión para o seu traslado en ambulancia ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), onde quedaron baixo supervisión médica para a súa valoración e posterior retorno ao centro especializado.
- Persoa maior desorientada nun hotel do centro de Lugo: A Policía Local interveu tras ser alertada polo persoal dun hotel sobre a presenza dunha persoa maior desorientada que se refuxiaba no establecemento. Tras valorar a súa situación persoal e social, os axentes lograron o seu traslado ao albergue municipal, xestionando ademais o seu caso cos Servizos Sociais Municipais. A actuación garantiu a súa protección e acceso aos recursos asistenciais adecuados. Días despois, a Policía Local asistiu de novo ao home por un requirimento similar ao anterior; desta vez, os axentes mediaron coa familia, logrando que o home regresase ao seu domicilio coa filla, evitando que quedase só na vía pública.
- Señora de idade avanzada e desorientada na Praza de Abastos: Axentes da Policía Local localizaron nos soportais da Praza de Abastos unha muller de idade avanzada, semiespida e en estado de desorientación. A muller foi valorada no lugar polos servizos sanitarios e constatouse que padecía demencia, coincidindo cunha alerta por desaparición recibida nese momento. Tras as comprobacións, foi entregada aos seus familiares para o seu coidado e seguimento.

