
Venda ambulante non autorizada
Na mañá de onte, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, de servizo no Parque da Milagrosa con ocasión do mercadillo semanal, estableceron un dispositivo especial para combater a venda ambulante non autorizada, sorprendendo a OITO persoas que ocupaban espazo público para a venda ambulante sen contar coa autorización necesaria, levantándose acta de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, propoñéndose sanción de 600 euros a cada unha delas.
A todas estas persoas indicóuselles a prohibición de realización desta actividade ilegal, ausentándose do lugar, comprobando durante a mañá que SETE delas desobedeceran a orde dada, volvendo ocupar o espazo público para o exercicio de venda ambulante, polo que se levantaron actas de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, esta vez por infracción GRAVE, ao desobedecer o mandato dado, sendo propostos para sanción que no seu grao mínimo sería de 601 a 10.400 euros.
Caída dunha árbore
Á primeira hora da mañá do día de onte, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo desprázanse á estrada do Rato xa que se produciu a caída dunha árbore sobre a calzada que cortaba completamente a circulación en ambos os sentidos, procedendo as patrullas para sinalizar a zona e desviar o tráfico, requirindo a presenza do Servizo de Bombeiros que procede a retirar a árbore, quedando restablecida a circulación. (foto)
Delito contra a seguridade viaria
A madrugada do día 25 de setembro un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo, de servizo pola rúa Jacinto Calvo, detecta a circulación irregular dun vehículo, dándolle o alto e observando que o seu condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,77 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo.
Altercado en establecemento público
Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un establecemento da zona da Avenida de Madrid xa que ao parecer unha persoa está a causar un altercado cos empregados do establecemento, procedendo os axentes á localización desta persoa, un home que estaba a durmir nun banco, que se negou a identificarse aos policías, faltándolles ao respecto, polo que unha vez obtida a completa identificación desta persoa denuncióuselle por dúas infraccións á Lei de Seguridade Cidadá, falta de respecto e consideración a membros das Forzas e Corpos de Seguridade e por negativa a identificarse, con sanción de ata 30.000 euros.

