Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 25 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Condutor reincidente investigado por catro delitos grazas ao sistema de videovixilancia

En datas recentes, a Policía Local de Lugo culminou con éxito unha investigación na que se conseguiu localizar e investigar a un condutor reincidente implicado en diversos accidentes de tráfico con fuga. Esta intervención foi posible grazas á coordinación do equipo de Atestados e a Unidade de Xestión Tecnolóxica do Corpo, que de maneira destacada realizou un seguimento e análise do sistema de cámaras.

O caso iníciase tras unha colisión ocorrida o mes de maio nunha glorieta da zona sur da cidade. A condutora afectada denunciou que un turismo marca Mercedes, tras impactar contra o seu vehículo, abandonou o lugar sen facilitar ningún dato. A partir desa información e con apoio das cámaras de videovixilancia, iniciouse unha análise exhaustiva que permitiu localizar ao vehículo sospeitoso, verificar o accidente de tráfico e identificar o condutor habitual, xa coñecido por antecedentes similares e así reconstruír os seus movementos antes e despois do accidente.

Ademais, froito desta investigación o condutor sen permiso, foi localizado ata en dúas ocasións máis circulando en distintos vehículos pola cidade a pesar de ter o permiso de condución retirado por sentenza xudicial firme. Grazas ao traballo de seguimento e ás probas gráficas e documentais solicitadas, elaborouse un atestado que foi clave para o seu axuizamento.

Finalmente, o condutor foi investigado pola presunta comisión de catro delitos contra a seguridade viaria:

Tres por conducir un vehículo de motor sendo privado do permiso por resolución xudicial e outro por provocar lesións como consecuencia da colisión.

O caso foi remitido ao Xulgado de Instrución de Lugo, que ditou sentenza condenatoria firme por estes feitos, impoñendo diversas penas económicas, a inhabilitación para conducir durante máis de 3 anos e a obrigación de indemnizar á persoa afectada tanto polos danos materiais como polas lesións sufridas.

Este tipo de actuacións exemplifican a eficacia das novas tecnoloxías aplicadas á seguridade viaria e o compromiso da Policía Local de Lugo coa prevención e a investigación para a protección de toda a cidadanía fronte a condutas reincidentes que poñen en grave risco a integridade dos demais usuarios da vía.

Desde a Xefatura recoñécese o traballo impecable dos axentes implicados neste dispositivo, tanto na vixilancia como na instrución do atestado, destacando o uso profesional e preciso dos recursos tecnolóxicos cos que actualmente conta o corpo.

Multimedia

  • Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas