Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 25 de xuño de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Detención por delito de violencia doméstica

Efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, son comisionados pola Sala do 092 para que se trasladen a un edificio da zona norte da cidade, xa que ao parecer había unha liorta entre unha parella, na que unha das partes non permite saír á outra da vivenda, reténdoa á forza. Os axentes comparecen de inmediato e póñense a falar cunha moza de 28 anos, manifestando que fora agredida pola súa parella, unha moza da mesma idade. Así mesmo indica aos policías que posúe mensaxes ameazantes no seu móbil e que foi agredida noutras ocasións. Seguidamente os axentes entrevístanse coa outra muller, manifestando que son parella de feito e que mantiveron unha discusión, “chegando ambas ás mans”, observando os policías que presenta unha dentada nun brazo e un arañazo na cara, manifestando que é certo que agarrou á súa parella polo pescozo para poder defenderse, manifestando tamén que ten multitude de mensaxes ameazantes no teléfono. Ambas mulleres foron detidas por un presunto delito de violencia doméstica e trasladadas a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado.

Controis de velocidade

Por parte de efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo establecéronse diferentes controis de velocidade en vías do centro urbano onde se detecta un incremento do número de accidentes, co seguinte balance:

  • Vehículos controlados: 1.118
  • Denuncias por exceso de velocidade: 47

As sancións oscilan entre os 100 e os 600 euros, coa perda de 2 a 6 puntos. Este último caso por infracción MOI GRAVE ao pasar a 101 km/h en vía urbana. A Policía Local de Lugo informa aos cidadáns que o exceso de velocidade incide desfavorablemente na seguridade viaria e ten un impacto negativo sobre os usuarios máis vulnerables da vía, como son os peóns e ciclistas. Unha velocidade inadecuada ou excesiva é determinante tanto para a incidencia dos accidentes como para a gravidade das lesións. A Organización Mundial da Saúde indica que o impacto dun vehículo a 50 km/h contra un peón eleva o risco de falecemento ata o 80 %, mentres que a unha velocidade de 30 km/h, a porcentaxe redúcese a un 10%.

Noticias relacionadas