
A Policía Local de Lugo, a través do seu Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial da Policía de Barrio, levou a cabo esta madrugada varias intervencións destacables en materia de seguridade viaria na contorna urbana, especialmente nas inmediacións da Rolda da Muralla, co obxectivo de detectar e erradicar condutas imprudentes que poidan poñer en risco a seguridade de condutores, peóns e demais usuarios da vía pública.
Condución baixo os efectos do alcohol con accidente de tráfico
A intervención máis destacada prodúcese cando unha patrulla observa un vehículo que impactou contra o bordo da Rolda da Muralla, tras non respectar un sinal de STOP. A condutora do turismo rebenta as dúas rodas do lateral esquerdo como consecuencia do choque e queda inmobilizado.
Tras comprobar os feitos, os axentes proceden a realizar as probas de detección alcohólica, arroxando resultados de 0,90 e 0,91 mg/l en aire expirado, taxas que cuadruplican o límite permitido e que conlevan a instrución de dilixencias penais por un delito contra a seguridade viaria.
A situación adquire un xiro aínda máis rechamante ao confirmarse que foi a propia condutora quen chamou ao 112 solicitando asistencia, sen ser consciente do alcance dos seus actos nese momento. Tras a práctica das probas coa correspondente confección das dilixencias penais, ao comprobar o evidente estado de intoxicación etílica que presentaba, a muller foi evacuada en ambulancia ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) para a súa atención médica.
A actuación concluíu coa formulación de varias denuncias administrativas por conducín neglixente, non respectar o sinal de STOP e a correspondente remisión de dilixencias xudiciais por alcoholemia penal, conforme ao artigo 379 do Código Penal.
Imprudencia grave: un ocupante con medio corpo fóra da xanela
Noutra intervención, os axentes detectaron a conducín temeraria cun turismo cuxo acompañante, en movemento, asomaba o tronco fóra da xanela mentres gravaba cun teléfono móbil. O vehículo circulaba por vía urbana e a escena foi observada polos axentes durante un dos seus controis dinámicos.
Inmediatamente procedeuse a dar o alto ao vehículo e formular a correspondente denuncia ao condutor por condución temeraria, ao entenderse que permitía unha conduta que comprometía gravemente a seguridade e por ser o responsable da obrigatoriedade da circulación dilixente na vía pola súa parte. Ademais, sancionouse ao acompañante por comportamento inadecuado durante a circulación e por non utilizar o cinto de seguridade, conforme á lexislación vixente.
O Grupo Operativo Nocturno da Policía Territorial de Barrio ten como obxectivo intervir de maneira inmediata ante situacións que poidan desembocar en sinistros viarios ou consecuencias maiores. Dende a Policía Local de Lugo lémbrase que a condución segura é unha responsabilidade individual que repercute directamente no benestar colectivo, e que condutas como as relatadas non só están prohibidas, senón que poñen en xogo vidas humanas. Insístese en que, ante calquera incidente ou situación sospeitosa, a cidadanía pode e debe contactar cos servizos de emerxencia a través do 092 ou do 112. A colaboración cidadá, unida ao compromiso policial, é clave para garantir unha cidade máis segura.

