Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 24 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Controis de alcoholemia e delitos contra a seguridade viaria

Durante a madrugada do día 24 de marzo efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo intensificaron os controis de alcoholemia e drogas en vías do centro urbano, co emprego de vehículos policiais camuflados e rotulados.

Nun filtro establecido en Rolda República Arxentina detéctase un vehículo que ao decatarse o seu condutor da presenza do control, apaga as luces e trata de evadilo, dando a volta e circulando en sentido contrario con risco para o resto de usuarios da vía, sendo localizado oculto tras unha edificación.

Os axentes unha vez identifican ao condutor comproban, a través das bases de datos policiais, que CARECE de permiso de condución por non obtelo NUNCA, polo que é trasladado á Unidade de Atestados onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

A este condutor ademais abríronselle expedientes sancionadores por condución temeraria, con proposta de sanción de 500 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, por circular sen iluminación e desobedecer as ordes dos axentes da autoridade, o que supón a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

No mesmo control detéctase un condutor que presenta signos de embriaguez sendo sometido ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado POSITIVO de 0’87 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Así mesmo dáse o alto a outro condutor que presenta signos de inxerir bebidas alcohólicas, lanzando un resultado POSITIVO de 0’43 mg/l nas probas de detección alcohólica ás que foi sometido, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Tamén noutro control establecido na Avenida de Magoi, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, detectan a condución irregular dun vehículo e ao identificar ao seu condutor compróbase, a través das bases de datos policiais, que ten unha condena por PERDA DE VIXENCIA do permiso de conducir, sendo trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Por outra banda dáse o alto a un condutor que CARECE de permiso de condución por condena dun Xulgado do Penal desta cidade polo que se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria.

Accidente de circulación

Sobre as 21:00 horas do día 23 de marzo un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á Calzada das Gándaras xa que se produciu un accidente de circulación.

Os axentes comproban que un turismo saíuse da vía e choca de forma violenta frontalmente contra un turismo estacionado, cruzando os dous carrís de circulación e a beirarrúa do sentido contrario ao que circula e chocando, tamén de xeito frontal, contra o muro de bloque dunha leira.

A condutora e tres ocupantes do vehículo resultan feridos e son trasladados ao HULA, aínda que non revisten gravidade as súas feridas. (Adxúntase Imaxe).

Noticias relacionadas