Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 24 de xaneiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Auxilio a cidadáns

Ás 5’35 horas do xoves, a Sala do 092 recibe información sobre unha muller inconsciente no chan na rúa Milagrosa, polo que se comisiona no lugar un indicativo do Grupo Operativo Nocturno, que localiza a unha muller, presuntamente baixo a influencia de bebidas alcohólicas, que se nega a ser asistida e manifesta que só quere ir á súa casa para descansar. Permanecía tamén no lugar o requirente, que dixo observar a presenza da muller, tendida sobre a beirarrúa e inconsciente, polo que requirira o servizo de emerxencia.

Os axentes asegúranse que a muller accede ao seu domicilio, tras o que dan por finalizado o servizo.

Ás 23’45 horas do mércores, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno é informado por un cidadán da presenza dun peón, vestido con roupa escura e carapucha, polo medio da calzada na zona da Tolda, polo que se dirixen de forma inmediata ao lugar, localizando ao home na calzada, comprobando que se atopa desorientado, reiterando a idea de irse á súa casa (que di ser chegando a Outeiro de Rei), sendo incapaz de atender as indicacións dos axentes. Solicítase a presenza dunha ambulancia, que decide o seu traslado ao HULA.

Ás 21’30 horas do mércores, a Sala do 092 recibe información sobre unha persoa desorientada, co pantalón baixado, sentada nun banco da rúa San Roque, polo que se comisiona no lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Os axentes comproban que se trata dun home, de 60 anos de idade, que está a ser asistido por persoal sanitario dunha ambulancia, que procederá posteriormente ao seu traslado ao HULA.

Expresións xenófobas

Durante a mañá do mércores, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasladouse a un establecemento da rúa Lambas de Prado, onde un home requiría presenza policial, xa que, segundo informou outra persoa utilizara contra el expresións xenófobas. Os axentes proceden á identificación de ambas as persoas, manifestando o requirente a súa intención de formalizar denuncia polos feitos.

Vertedura de líquidos deslizantes en vía pública

Durante a mañá do xoves, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasladouse á rúa Veiga Grande, onde un camión sufrira unha avaría e estaba vertendo líquidos deslizantes sobre a vía pública, co consecuente risco para a seguridade viaria. Os axentes prestan o auxilio necesario ao condutor do camión e requiren a presenza do servizo de limpeza, asegurando a circulación na zona mentres duran os traballos dos operarios do mesmo.

Noticias relacionadas