Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 22 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Accidente por saída de vía e detención por agresión a axentes

Durante unha intervención próxima á zona do cemiterio, un condutor sufriu unha saída de vía tras circular baixo os efectos do alcol. Mentres os axentes da Unidade de Atestados realizaban as probas correspondentes, a acompañante do condutor comezou a interferir activamente no labor policial, proferindo insultos e desobedecendo os requirimentos. Lonxe de depoñer a súa actitude, a muller agrediu a un dos axentes, propinándolle golpes e patadas, o que motivou a súa detención inmediata e posterior traslado ás dependencias policiais. Esta actuación pon de relevo o risco adicional ao que se enfrontan os axentes cando, ademais de garantir a seguridade viaria, deben conter actitudes violentas que alteran a orde e dificultan o servizo público.

Obstrución e insultos durante unha alcoholemia en Montero Ríos

Noutro control na rúa Montero Ríos, unha muller acompañante do condutor comezou a gritar, insultar e dificultar de forma reiterada o labor dos axentes de Atestados, desobedecendo todas as instrucións. Tras requirirlle a súa identificación e non portala consigo, foi trasladada a dependencias policiais para a súa filiación. Formulouse denuncia por desobediencia, faltas de respecto e obstaculización do labor policial, en base á Lei Orgánica 4/2015 de Protección da Seguridade Cidadá, que contempla sancións de:

  • Ata 600 € por desobediencia ou falta de respecto.
  • Ata 30.000 € por obstaculizar actuacións dos axentes no exercicio das súas funcións.

A prevención, é un compromiso permanente nas actuacións policiais que reflicten unha realidade preocupante: o consumo de alcol e drogas segue presente entre algúns condutores. Pero tamén demostran que a resposta policial é firme, profesional e contundente. A seguridade viaria non é negociable. Cada control, cada proba, cada denuncia, é un acto de prevención e protección. Desde a Policía Local de Lugo seguirase traballando para sacar da circulación aos condutores que non cumpren as normas e para garantir unha mobilidade segura e responsable para todos.

ASISTENCIA SOCIAL E ATENCIÓN A PERSOAS EN SITUACIÓN DE VULNERABILIDADE

Balance de actuacións humanitarias da Policía Local de Lugo: protección, proximidade e resposta inmediata.

A Policía Local de Lugo continúa reforzando o seu labor de atención directa á cidadanía, intervindo con eficacia e sensibilidade en situacións que requiren auxilio, mediación familiar ou apoio asistencial urxente. Durante a fin de semana levaron a cabo múltiples actuacións con persoas en situación de vulnerabilidade, destacando o papel esencial dos axentes como primeiro recurso de apoio ás emerxencias sociais, sanitarias ou familiares.

Problemas familiares e contención emocional

Nunha vivenda de Lugo, axentes interviñeron a pedimento duns pais que manifestaban estar preocupados polo seu fillo, con antecedentes nun programa de desintoxicación. O mozo, baixo os efectos do alcol e medicación incompatible con estas substancias, mostrábase confuso e desorientado. Aínda que non se precisou intervención sanitaria, os axentes mediaron para acougar a situación e asegurar que non existise risco para os conviventes.

Localización de paciente fuxido do hospital

Recibiuse un aviso urxente sobre un paciente vestido con pixama hospitalario e un brazo en cabestrillo que abandonara o HULA sen alta médica. Tras varias batidas pola cidade e coa colaboración doutras unidades e familiares, foi localizado por axentes. A persoa, desorientada pero colaboradora, foi acompañada ao hospital pola Policía Local á súa unidade hospitalaria. A intervención evitou unha posible situación de risco clínico para o afectado.

Menor localizada espida na vía pública

A altas horas da madrugada, axentes localizaron a unha moza menor de idade nuda tras saír de entre uns contedores. Grazas á rápida intervención e tras ser auxiliada e vestida, comprobouse que se atopaba baixo os efectos do alcol. Foi trasladada ao seu domicilio familiar, onde a nai foi informada do ocorrido. Unha actuación que evita consecuencias máis graves e permite que a familia poida tomar medidas de seguimento.

Atención a menor con crise de ansiedade

Unha moza menor de idade sufriu un desmaio en plena vía pública tras descender dun vehículo no que viaxaba coa súa parella. Varios cidadáns deron aviso aos servizos de emerxencia, permanecendo con ela ata a chegada dos axentes. A menor foi atendida polo 061 e, tras falar cos sanitarios, os proxenitores decidiron trasladala ao seu domicilio familiar, ao non presentar síntomas clínicos preocupantes. Garantiuse en todo momento a protección e tranquilidade da menor ata a chegada dos seus titores legais.

Noticias relacionadas