Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 21 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

 Accidente de circulación con vehículo fuxido

O día 12 do presente mes comparece na oficina da Unidade de Atestados o titular dun vehículo que manifesta estacionalo en Xosé Castiñeira, dous días antes e, cando o foi a recoller, comprobou que tiña un forte impacto na súa parte lateral dereita, descoñecendo calquera tipo de dato sobre o causante do choque.

Os axentes puideron corroborar a importancia dos danos sufridos no vehículo, xa que, ademais do choque contra o seu lateral dereito, o impacto fixera que o turismo subise sobre a beirarrúa, danando a roda dianteira esquerda contra o bordo, coa rotura do eixo dianteiro, danando tamén a dirección.

Os membros da Unidade de Atestados inician de inmediato as xestións tendentes a determinar, en primeiro lugar, o momento no que se produciron os feitos, contactando con veciños e hostaleiros da zona, cuxas declaracións permitiron delimitar un horario entre as 2:00 e as 7:00 horas do propio día 12.

A continuación, tras a consulta das cámaras de vixilancia do tráfico e as de seguridade perimétrica de edificios localizadas nos posibles roteiros de fuga seguidas polo causante, os axentes localizan un vehículo que, sobre as 3:45 horas, detense nunha zona próxima á do accidente, descendendo o seu condutor do mesmo para inspeccionar a parte dianteira, tras o cal auséntase. Tendo determinada a marca, modelo e cor, e grazas á colaboración cidadá, localízase o automóbil en cuestión mentres se atopa estacionado na rúa Santo Graal, confirmando a través de testemuñas que aparcara no lugar sobre as 4:00 horas do día 12; presentando, ademais, danos compatibles co accidente de circulación investigado.

Finalmente, púidose saber que o propietario prestara o automóbil a un amigo, o cal non lembraba onde sufrira o accidente concretamente.

Auxilio a peón caído en vía pública

Ás 19 horas do luns 20 a Sala do 092 comisionou unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio na Avd. da Coruña, desde onde recibira aviso da caída dun peón. Os axentes comprobaron que se trataba dun home de 67 anos de idade o cal, tras tropezar, caera sobre a beirarrúa, golpeando a cara contra o chan e sufrindo, aparentemente, un corte no beizo superior e rotura nun dente, motivo polo cal foi requirida a presenza dunha ambulancia do 061, que prestou unha primeira asistencia e, posteriormente, procedeu ao traslado do lesionado ao HULA.

Os axentes tamén avisaron á esposa do ferido do que ocorrera e a onde fora trasladado para recibir asistencia médica.

Noticias relacionadas