Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 21 de xaneiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Filtros de seguridade viaria

Durante os filtros de seguridade viaria levados a cabo pola Policía Local de Lugo, os axentes puideron detectar e denunciar as seguintes infraccións:

  • Unha alcoholemia administrativa: vehículo con circulación anormal na rúa Río Ser. O seu condutor lanza resultado positivo de 0.55 e 0.46 mg/L. (500 € e 4 puntos do permiso).
  • Tres alcoholemias penais:
  • Vehículo con circulación irregular na Rolda Fontiñas. O seu condutor lanza resultado positivo de 0.86 e 0.81 mg/L.
  • Vehículo que se accidente na Rolda da Muralla e o seu condutor lanza resultado positivo de 0.52 e 0.51 mg/L.
  • Vehículo con circulación irregular na rúa Enriqueta Otero. O seu condutor lanza resultado positivo de 0.67 e 0.68 mg/L.
  • Controis de velocidade na avenida Infanta Elena, rúa Industria, Rolda do Carmen, avenida de Madrid e avenida Benigno Rivera: controláronse 695 vehículos, denunciando a 34 deles por exceder a velocidade máxima permitida en cada unha das vías.

Auxilio a cidadáns

Ás 3:35 horas do domingo a Sala do 092 recibe información sobre a presenza de dous menores posiblemente baixo os efectos do alcol en rúa Catedral. Trasládase ao lugar un indicativo do Grupo Operativo Nocturno, observando a un grupo de persoas auxiliando a unha moza, de 14 anos de idade, que se atopaba semiinconsciente. Unha amiga manifesta que consumiu varias bebidas alcohólicas. Solicítase a presenza dunha ambulancia, que procede ao traslado da menor a un centro hospitalario, acompañada dos axentes, que conseguen contactar co seu pai. Os axentes abandonan o hospital cando chega o pai e faise cargo da menor.

Os axentes tamén proceden ao traslado da outra menor, amiga da afectada e de 16 anos de idade, ao domicilio que facilita, facéndose cargo da mesma a súa avoa.

Ás 19:00 horas do sábado, a Sala do 092 recibe requirimento do Servizo do 061 para colaborar na atención dunha persoa agresiva, xa que tentaran asistir a un home que estaba tendido sobre a beirarrúa na rúa Irmáns Carro e víronse na necesidade de abandonar o lugar pola actitude agresiva dun grupo de homes que se concentrou no lugar. Os axentes acompañan aos servizos sanitarios, que realizan unha primeira asistencia e deciden o traslado do home a un centro sanitario, ao cal accede de forma voluntaria, sendo acompañado por unha dotación policial.

Pelexa en vía pública

Ás 5:15 horas do domingo, a Sala do 092 recibe información sobre unha agresión na Praza de Pio XII. Se comisionan no lugar varios indicativos do Grupo Operativo Nocturno, que no lugar son informados sobre unha pelexa entre dous homes, os cales son sinalados polos presentes, momento no que un deles dáse á fuga, sendo seguido por un dos indicativos policiais pola rúa Bo Xesús, prazas de Santa María, Casas Novoa e España, ata a rúa Conde Pallares, onde é interceptado; mentres outro indicativo procede a identificación do outro implicado, determinando que non existen lesións graves e que ningún dos mozos desexa formalizar denuncia.

Mentres o indicativo que se atopa na rúa Conde Pallares interactúa co home fuxido, concéntrase no lugar un gran número de mozos, xa que era o momento de desaloxo dos locais de lecer nocturno, polo que os axentes establecen un perímetro de seguridade para garantir tanto a súa integridade física como a do interceptado, xa que nese momento descoñecíase cantos implicados podía haber nin a súa identificación.

Un dos mozos  presentes introdúcese en varias ocasións no cordón policial de seguridade, alentando ao resto para facer o mesmo, sendo advertido en varias ocasións de que debía retirarse do lugar. Debido a que o citado mozo mantiña a súa actitude e a que a tensión no nutrido grupo ía en aumento, os policías víronse na necesidade de solicitar a presenza dos indicativos próximos e, entre tanto, manter ao mozo que continuaba tentando avanzar cara aos axentes e a zona de actuación afastado da mesma, facendo uso da mínima forza indispensable. Coa chegada de máis efectivos, procedeuse á identificación do citado suxeito (de 18 anos de idade), que foi denunciado por unha infracción grave á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, pola desobediencia e resistencia contumaz ás ordes dos axentes da autoridade.

Presuntos delitos

Ás 13:55 horas do domingo, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasladouse a unha vivenda unifamiliar dunha parroquia rural lucense, debido a que unha muller chamara ao Servizo 112 informando de que tiña problemas coa súa parella e temía pola súa seguridade física. Os axentes trasládanse de inmediato ao lugar e a muller conduce aos axentes ata a estancia onde se atopa a súa parella. Procédese á detención do home, por un presunto delicto de violencia de xénero. Por determinación do facultativo da ambulancia que fora requirida, procédese ao traslado do home a un centro hospitalario, onde permanece custodiado ata o seu traslado a dependencias policiais para a tramitación das correspondentes dilixencias.

Ás 5:20 horas do luns, dous indicativos do Grupo Operativo Nocturno trasladáronse a un domicilio da zona norte da cidade, desde onde unha muller chamara á Sala do 092 dicindo que necesitaba axuda. Os efectivos policiais trasládanse de inmediato ao domicilio e tras comprobar, mediante chamada telefónica, que o teléfono desde o que se requiriu o servizo policial era o da muller, procédese á detención do home por un presunto delicto de violencia de xénero, momento no que se resiste de forma activa, sendo necesario reducilo e colocarlle os grilletes de seguridade. Posteriormente é trasladado a un centro sanitario e logo a dependencias policiais, para a práctica das dilixencias oportunas.

Noticias relacionadas