Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 20 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Auxilio á cidadanía

Durante a mañá do venres 16, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio foron comisionados na Praza Horta do Seminario, onde había unha persoa indisposta. Unha vez no lugar, os axentes localizaron ao home sentado nun banco, manifestando que sofre variacións de tensión con certa frecuencia, pero que xa se atopaba mellor, polo que non foi necesaria a presenza dos servizos médicos.

Durante a noite do mesmo día, os axentes do Grupo Operativo Nocturno trasladáronse a un domicilio da rúa Trevo, onde un home de 80 anos caera no baño e a súa filla e esposa non eran capaces de levantalo. Unha vez no lugar, os policías foron informados de que o home non se fixera dano, pero non era capaz de levantarse, polo que lle prestaron a axuda necesaria aos seus familiares, que renunciaron á presenza de servizos sanitarios.

Na tarde do sábado 17, os axentes de Policía de Barrio trasladáronse ao Barrio de Galegos, onde había unha persoa desorientada. Unha vez localizado, os policías comprobaron que o home ofrecía respostas incoherentes ás súas preguntas, polo que requiriron a presenza dunha ambulancia do 061, que prestou unha primeira asistencia e logo procedeu ao seu traslado ao HULA.

Xa na mañá do domingo 18, os axentes de Policía de Barrio foron comisionados na Avenida da Coruña, onde un home sufría unha indisposición. Unha vez no lugar puideron contactar co home, que lles informou que sufría de hipertensión, sendo atendido polos servizos sanitarios que foron requiridos para o lugar, que tras unha primeira asistencia procederon a dar o alta ao home, por habelo así solicitado el mesmo.

Filtros seguridade viaria

Durante os filtros de seguridade viaria levados a cabo durante a fin de semana, tanto estáticos como dinámicos, con vehículos rotulados e camuflados, os axentes puideron localizar e denunciar as seguintes infraccións:

  • Unha persoa conducindo por Salvador de Madariaga carecendo de permiso de conducir, polo que se instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria. Ademais, o turismo carecía de seguro e non fora sometido á ITV en prazo, polo que se confeccionaron as correspondentes denuncias.
  • Cinco condutores con positivo en alcol. Devanditos condutores foron requiridos tras observarse condución irregular, con circulación en zigzag, velocidade elevada…

En catro dos casos confeccionáronse denuncias administrativas debido á taxa (0.42 e 0.40; 0.35 e 0.33; 0.62 e 0.58; e 0.70 e 0.61 mg/l) e no outro, con taxa de 0.84 e 0.82, instrúense dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, para xuízo rápido.

Queixas por ruídos

Durante a fin de semana, os axentes do Grupo Operativo Nocturno tiveron que acudir a domicilios de Camiño Real, rúa Santiago, San Eufrasio, Aquilino Iglesia Alvariño e Ramiro Rueda, debido en case todos os casos ás queixas recibidas dalgún veciño polas molestias procedentes doutros pisos, en todos os casos con motivo de música e berros, que cesaron no momento de ser informados polos policías dos trastornos que estaban a causar.

Cans soltos pola vía pública

Durante a tarde do venres 16, os axentes de Policía de Barrio foron comisionados nunha das rúas do Polígono Industrial do Ceao, onde había varios animais atravesando a calzada sen control, co consecuente perigo para a seguridade viaria. Unha vez no lugar, os axentes puideron comprobar a veracidade da información, polo que, tras localizar ao titular dos animais, este foi denunciado por unha infracción á Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia, por deixalos sen control na vía pública.

Persoas ouriñando en vía pública

Na noite do venres ao sábado, no marco do dispositivo establecido para controlar a contorna dos locais de lecer nocturno, dúas persoas foron denunciadas por ouriñar en vía pública contra a fachada dos edificios na rúa Doutor Fleming.

Incumprimento de locais

No marco do mesmo dispositivo, os axentes do Grupo Operativo Nocturno, na noite do sábado a domingo, constataron que un establecemento da rúa Bispo Aguirre, que non ten autorización para a utilización de aparellos de música, permanecía aberto ás 5:00 horas, servindo comida e con música, motivos polos que se iniciou o correspondente expediente.

Xa na mañá do domingo, outro local da rúa Galicia foi denunciado por permanecer aberto ao público sendo as 6:25 horas, cando debería cesar a actividade ás 5:00.

Retirada niño velutinas / Incendio / Caída de pedra de edificio

Durante a mañá do domingo, os axentes de Policía de Barrio foron requiridos na rúa Nicomedes Pastor Díaz, xa que durante a retirada dun guindastre de obra aparecera un niño de velutinas. Foi requirida a presenza dos Bombeiros, que procederon á retirada do niño para que puidesen proseguir os traballos.

O Servizo de Extinción de Incendios tamén foi requirido para comparecer, a tarde do domingo, na parroquia de Santa Eufemia, xa que, tras recibir información a Sala do 092, comprobaron que unha vivenda abandonada corría perigo de sufrir un incendio debido ao estado da liña de alta tensión. Tamén foi requirido o servizo de subministración eléctrica, quedando a situación controlada.

Por último, durante a mesma tarde, os Bombeiros tamén foron requiridos polos axentes de Policía de Barrio en Castro Gil, onde se desprendeu unha pedra dun edificio, comprobando que non existía risco de máis caídas.

Presunto delito de violencia de xénero

Durante a mañá do luns 19, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio, foron comisionados nunha vivenda da Rolda das Fontiñas, onde unha muller estaría a ser agredida pola súa parella, que lle estaría pegando e agarrando polo pescozo.

Unha vez no lugar, os axentes atopan a porta do piso aberta e dentro do mesmo á parella, que manifesta que simplemente discutiron. Tras unha inspección ocular e despois de solicitar a manifestación de varias testemuñas e vistas as lesións que presentaba a muller, os policías proceden á detención do home e ao seu traslado a dependencias policiais para a instrución das correspondentes dilixencias, mentres outro indicativo policial trasladaba á muller a un centro sanitario.

Noticias relacionadas