Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Luns, 20 de xaneiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Requirimento por maltrato animal

Na mañá do venres, a Sala do 092 recibe a chamada dun home que manifesta que maltrata ao seu can, engadindo que trata mal a todos os que están con el e que coacciona á xente. Trasládase ao seu domicilio un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio, que contacta co home, indagando sobre o presunto maltrato, ao que el responde que fisicamente nunca o maltratou, pero que o seu estado actual de ansiedade non lle permite ofrecerlle todos os coidados que necesita. Os axentes comproban que o animal está correctamente documentado e, para garantir o benestar do animal, solicitan a colaboración do Servizo de Lacería, que se fai cargo provisionalmente do can, comprobando posteriormente que se atopa en boas condicións, sen ningún tipo de lesión. Tras comprobar que o home non precisa ningún tipo de auxilio, ademais do citado, os axentes dan por rematado o servizo.

Desprendemento de fachada

Na tarde do venres, un indicativo de Policía de Barrio trasladouse á rúa Chantada, onde se desprenden anacos da fachada dun edificio cara á beirarrúa. Os axentes comproban a veracidade da información recibida pola Sala do 092 e acordan a zona, para garantir a seguridade dos usuarios da vía. Os axentes contactan coa presidenta da comunidade de veciños, que avisa a un profesional para revisar o estado da fachada. Posteriormente, os axentes comproban que o profesional revisou a fachada, retirando os elementos que ofrecían risco de caída, polo que deixan libre o paso de novo pola beirarrúa.

Requirimento por berros dunha muller

Ás 23:30 horas do venres, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a un domicilio do sur da cidade, onde unha veciña dicía escoitar os berros constantes dunha muller no interior dun domicilio desde facía varias horas. Os axentes contactaron cos moradores da vivenda, comprobando en conversas con nai e filla que se trataba da moza, que estaba pasando por un mal momento por problemas persoais e desafogábase desa maneira, polo que foron advertidas das molestias que estaban causando.

Queixas por ruídos

Ás 00:15 horas do sábado, os axentes do Grupo Operativo Nocturno trasladáronse a un domicilio da rúa Irmáns Carro, desde onde a Sala do 092 recibira queixas polos ruídos procedentes dun dos pisos. Os axentes comprobaron que se estaba a celebrar unha festa e advertiron aos ocupantes da vivenda das molestias que estaban causando, que cesaron de inmediato.

Auxilio a un cidadán

Ás 03:40 horas do domingo, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse á Praza de Conde Fontao onde, segundo chamada telefónica, había unha persoa tendida na vía pública. Os axentes localizan ao home, de 60 anos de idade, que presentaba signos de hipotermia, polo que solicitan a presenza dunha ambulancia, que procede ao traslado do home a un centro hospitalario.

Accidente de circulación

Ás 02:25 horas do sábado prodúcese un accidente de circulación na Rolda da Muralla, entre Recatelo e a rúa Villalba, onde un vehículo saíu da vía, subindo á beirarrúa e chocando contra un dos puntos de luz, que arrinca da súa base e arrastra ata chocar contra a fachada dun dos edificios. Ao lugar trasládanse varios indicativos do Grupo Operativo Nocturno e da Unidade de Atestados, xa que foi necesario desviar o tráfico da Rolda da Muralla pola rúa Recatelo ata que a calzada da Rolda quedou habilitada para a circulación. O condutor do vehículo foi sometido ás probas de alcoholemia preceptivas, nas que obtivo un resultado de 0.52 e 0.51 mg/L. Por todo isto, os axentes da Unidade de Atestados instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria.

Desobediencia - Falta de respecto - Consumo de alcohol en vía pública

Cando os axentes do Grupo Operativo Nocturno colaboraban coa Unidade de Atestados para garantir a seguridade da zona do accidente citado no punto anterior, observaron dous homes (de 27 e 31 anos de idade), que, camiñando pola calzada, introducíronse na zona acotada pola cinta policial, polo que son advertidos de que deben saír do perímetro acotado para non entorpecer o labor dos axentes e facilitar a chegada dos demais servizos de asistencia. A pesar dos repetidos requirimentos dos axentes, os individuos fixeron caso omiso, proferindo, ademais, frases despectivas cara aos policías e o seu labor. Finalmente, ambos foron denunciados por infraccións ao Regulamento Xeral de Circulación e á Lei de Protección da Seguridade Cidadá.

Intervención de droga

Ás 00:15 horas do domingo, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno que realizaba patrulla preventiva pola Praza de Pio XII observa a presenza dun grupo de mozos consumindo bebidas na vía pública, presentando dous deles signos externos de atoparse baixo os efectos dalgún tipo de droga, motivo polo cal procederon ao seu cacheo, sendo atopada certa cantidade dunha sustancia, presumiblemente haxix, que lles foi intervida. Os axentes confeccionaron a correspondente acta de intervención, acompañada de denuncia por posesión de droga nun lugar público.

Noticias relacionadas