Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 20 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Local aberto por esquecemento

Durante a tarde do mércores 19, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasladouse á rúa Pena do Rei onde, segundo información telefónica, había un establecemento público sen pechar e sen que se observase a ningunha persoa no interior. Unha vez no lugar, os axentes comprobaron a veracidade da información, polo que procederon, coa colaboración do requirente, a contactar co titular do establecemento, que compareceu para comprobar que non faltaba nada no local, manifestando que posiblemente se tratase dun descoido dalgún traballador á hora de peche do local.

Persoa falecida en domicilio

Durante a mesma tarde, os axentes de Policía de Barrio trasladáronse a un piso da rúa YáñezRebolo onde, segundo información recibida na Sala do 092, produciuse o falecemento dunha persoa. Unha vez no lugar, os axentes comprobaron que persoal sanitario do 061 tentaba reanimar a unha muller, de 54 anos, que, segundo a persoa que a acompañaba, tombouse a durmir unha sesta e tardaba moito en espertar, motivo polo cal requirira o auxilio do persoal sanitario, que finalmente comunicou o falecemento da devandita muller, presuntamente por causas naturais, aínda que o corpo policial competente continúa coas investigacións oportunas.

Seguridade viaria

Ás 2:15 horas do xoves, unha patrulla de Policía de Barrio observa a circulación irregular dun vehículo pola Rolda das Mercedes, motivo polo cal procede a deter a súa marcha, comprobando que o seu condutor presenta signos de inxerir bebidas alcohólicas, motivo polo cal os axentes da Unidade de Atestados sométeno ás probas de detección regulamentarias, nas que lanza resultados positivos de 0.76 e 0.65 mg/l, polo cal é denunciado administrativamente, sendo o vehículo inmobilizado no lugar.

Durante a mesma noite, tamén foi necesario manter un dispositivo de Policía de Barrio na Avenida Benigno Rivera, sentido N-VI, xa que parte da calzada estaba afectada polo derrame dalgún tipo de líquido escorregadizo. Os axentes garantiron a seguridade viaria mentres duraron os labores de limpeza do pavimento, por parte do Servizo de Bombeiros, xa que o risco da situación aumentaba pola falta de visibilidade nese momento.

Forte cheiro a gas en inmoble

Durante a mesma noite, os axentes de Policía de Barrio trasladáronse a un inmoble da Avenida Alfonso X, desde onde se recibiu información dun forte cheiro a gas. Unha vez no lugar, en compañía do Servizo de Bombeiros, estes últimos realizaron diversas medicións (do mesmo xeito que un traballador da empresa subministradora de gas), todas as cales deron resultado negativo, polo que se abandonou o lugar sen maior novidade.

Molestias por ruídos

Ás 23:35 horas, os axentes de Policía de Barrio acudiron a un domicilio de Camiño Real, onde se estaba realizando unha festa con música, que molestaba aos veciños. Os policías advertiron aos moradores das molestias que estaban a causar, apagando a música de inmediato e abandonando a vivenda cinco persoas. Foron denunciados por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Control medidas COVID

Ás 00:45 horas da mesma noite, os axentes de Policía de Barrio comprobaron que un local de hostalería da rúa Luís Seoane atopábase aberto ao público e atendendo á clientela, polo que foi denunciado por infracción á Lei de Saúde de Galicia.

Accidente de circulación

Durante a tarde do mércores, a Unidade de Atestados foi comisionada na Rolda Norte, onde se produciu un accidente de circulación, con catro vehículos implicados e no que resultaron lesionadas, en principio sen gravidade, catro persoas.

Noticias relacionadas