
Seguridade viaria
A Policía Local de Lugo desenvolveu durante a pasada semana un intenso labor preventivo e operativa orientada á mellora da seguridade viaria no municipio, con especial atención aos riscos derivados do consumo de alcol e drogas, así como á circulación de persoas sen permiso legal para conducir. Os resultados obtidos reflicten a necesidade de continuar aplicando filtros de seguridade viaria en puntos estratéxicos.
Accidente con positivo en drogas e permiso retirado
Unha das actuacións máis destacadas tivo lugar na rúa Xosé Novo Freire, onde un turismo chocou contra outro vehículo correctamente estacionado. O condutor responsable do sinistro lanzou resultados positivos por presenza de drogas no organismo de ata 3 substancias (cocaína, benzodiacepinas e anfetaminas), e ademais circulaba sen permiso de conducir en vigor, tras perder a vixencia do mesmo por resolución xudicial. Ante esta combinación de factores de risco, os axentes instruíron atestado penal por un presunto delito contra a seguridade viaria. Esta intervención pon de relevo o impacto real que teñen as substancias estupefacientes sobre a condución e a importancia dos dispositivos de control activo que leva a cabo a Policía Local.
Actuacións por alcol ao volante
Durante distintos filtros establecidos ao longo da semana, detectáronse tres alcoholemias positivas en vía administrativa, con taxas que oscilaban entre o 0,35 mg/l e o 0,55 mg/l. En todos os casos procedeuse á correspondente denuncia con sanción económica e retirada de puntos, ademais da inmobilización do vehículo. Nunha das intervencións, o vehículo implicado foi detido tras observarse que non respectaba un sinal de semáforo e detívose nunha zona peonil. A condutora presentaba claros síntomas de estar baixo os efectos do alcol, o que foi confirmado polas probas realizadas.
Noutra actuación, interceptouse a unha condutora nun filtro de seguridade que superou o límite permitido cunha taxa de 0,55 mg/l, e outra intervención similar saldouse cunha taxa de 0,42 mg/l, ambas sancionadas administrativamente.
Todas estas intervencións confirman que os filtros de seguridade viaria non só teñen un efecto disuasorio, senón que permiten detectar de forma directa a condutores que supoñen un risco real e inmediato para o resto de cidadáns. Desde a Policía Local de Lugo sublíñase que a condución baixo os efectos do alcol, as drogas ou sen o permiso legalmente habilitado non só vulnera a normativa vixente, senón que pon en perigo vidas humanas.
Intervención policial na KDD de As Gándaras e Filtro de Seguridade viaria asociado
Na noite da pasada fin de semana, a Policía Local de Lugo desenvolveu un dispositivo específico de vixilancia e control na zona de As Gándaras, en resposta á convocatoria dunha KDD de vehículos que comezaba ao redor das 23:30 horas. A actuación foi encomendada a distintos indicativos do Grupo Operativo Nocturno.
Desde o inicio do servizo, e ata aproximadamente a 02:00 horas, os axentes permaneceron na zona supervisando o desenvolvemento da concentración. Aínda que a afluencia foi menor que en ocasións anteriores. Esta baixa participación non impediu que se detectasen comportamentos de risco por parte dalgúns condutores, o que evidencia a importancia de manter a vixilancia constante e visible nestes encontros.
Durante o desenvolvemento do dispositivo confeccionáronse catro denuncias por infraccións relevantes en materia de tráfico:
- Condución temeraria: por manobras que poñían en grave perigo a outros usuarios da vía.
- Condución neglixente: por comportamentos inadecuados ao volante sen atención á condución.
- Modificación do sistema de escape: por uso de elementos non homologados que xeran ruídos excesivos.
- Pasar un obstáculo circulando en sentido contrario: infracción grave por invadir o carril contrario sen causa xustificada.
Estas actuacións reafirman a vontade da Policía Local de Lugo de aplicar unha tolerancia cero ante condutas imprudentes ou perigosas, especialmente neste tipo de reunións onde o risco de alteración da orde pública ou xeración de molestias veciñais pode incrementarse notablemente.
As concentracións tuning, a miúdo malinterpretadas, non son inherentemente negativas. É certo que a paixón pola modificación de vehículos pode, en ocasións, levar a condutas antirreglamentarias, pero isto non é a norma, xa que a gran maioría dos participantes son apaixonados do mundo do motor que se dedican a exhibir os seus vehículos, compartir coñecementos e admirar o traballo doutros, lévano a cabo de maneira organizada e responsable, sen comprometer a seguridade viaria nin alterar o tráfico.
Por iso, desde a Policía Local de Lugo continúase apostando pola presenza policial anticipada, os filtros de seguridade viaria planificados e a actuación conxunta entre unidades como ferramentas clave para garantir a seguridade cidadá e a convivencia.
Intervencións asistenciais realizadas pola Policía Local de Lugo
Durante a última semana, a Policía Local de Lugo prestou un intenso labor asistencial en distintas situacións de urxencia e vulnerabilidade cidadá. Estas actuacións, moitas delas solicitadas a través do 112 ou de familiares preocupados, reflicten unha vez máis o compromiso do corpo coa atención inmediata, a protección das persoas e a cooperación sanitaria e social.
Atención urxente por consumo de medicamentos e alcol na vía pública
Na zona da glorieta Xaquín Lorenzo, os axentes localizaron a unha persoa tendida na beirarrúa, inconsciente, tras haber supostamente mesturado substancias, segundo testemuño dun acompañante. Aínda que respiraba con normalidade, o afectado non era capaz de comunicarse, polo que se activaron con rapidez os servizos de emerxencia. Foi evacuado ao HULA por unha dotación do 061 para valoración médica urxente.
Detención por violencia doméstica a un menor
Nun grave caso de violencia familiar, unha muller alertou de que a súa parella estaba a agredir violentamente ao seu fillo menor de 13 anos. A Policía procedeu á detención inmediata do pai para a instrución das correspondentes dilixencias xudiciais. O menor foi atendido médicamente e activáronse protocolos de seguimento. A nai ampliou o seu testemuño en dependencias policiais.
Axuda a un veciño atrapado no seu portal
Os axentes interviñeron nun edificio cuxo sistema de peche habíase estragado, deixando a unha persoa sen poder acceder ao seu domicilio e a outra sen poder saír. A rápida actuación permitiu abrir a porta sen causar danos. Ademais, detectouse un cristal fracturado con risco de provocar danos persoais, o que se requiriu de forma inmediata aos residentes para a súa retirada.
Asistencia prolongada a unha muller en estado de embriaguez
Unha muller foi localizada na Ronda da Muralla camiñando con dificultades tras ser vista caer noutra zona da cidade. Rexeitou varias veces a atención sanitaria, pero os axentes permaneceron na contorna ata garantir que chegaba ao seu domicilio. Recuperaron as súas chaves e pertenzas extraviadas e foron devoltas persoalmente. A intervención finalizou ao comprobar o seu acceso seguro á vivenda.
Muller atrapada nun ascensor
Unha muller quedou bloqueada no ascensor entre dúas plantas dun inmoble na rúa Progreso. Gracias á actuación policial desbloqueouse o mecanismo sen necesidade de intervención técnica maior, permitindo a saída da afectada, quen declinou recibir asistencia sanitaria.
Localización de persoa falecida tras aviso dun familiar
Un home denunciou non poder contactar co seu irmán maior, enfermo crónico, con quen tiña unha cita médica. Ao chegar ao domicilio, os axentes comprobaron que a porta estaba pechada desde dentro. Con apoio de bombeiros accedeuse a través dunha xanela e achouse á persoa falecida na súa cama, sen signos de violencia. Activáronse os servizos policiais, sanitarios e funerarios.
Asistencia a familia con dependencia non atendida
Unha muller solicitou auxilio porque o seu irmán, diagnosticado de demencia, pretendía abandonar o domicilio sen control. Foi localizado desorientado en vía pública, reconducido ao fogar e entregado á súa irmá. Propúxose dar traslado do caso aos servizos sociais municipais para a súa avaliación, ante a falta de apoios familiares.
Verificación de situación de persoa maior a pedimento de familiar
Un home desde Madrid solicitou axuda tras non lograr contactar cun familiar de 88 anos residente en Lugo. Verificada a dirección, veciños do inmoble informaron que o señor falecera semanas atrás, e que o seu falecemento foi atendido no seu momento. Deixouse constancia para comunicar adecuadamente cos familiares.
Muller caída no baño sen posibilidade de levantarse
O 112 solicitou apoio para asistir a unha muller que sufrira unha caída no seu baño, sen posibilidade de incorporarse. Os axentes axudárona a sentar na súa cadeira de rodas, garantindo o seu benestar en presenza do seu marido e coidadora. Non foi necesaria intervención médica adicional.

