Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 19 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Auxilio a persoa caída no seu domicilio e outra en vía pública

Durante a mañá do mércores recíbese aviso dunha persoa caída no seu domicilio, na rúa Otero Besteiro, que non é capaz de levantarse polos seus propios medios. A Sala do 092 comisionade inmediato no lugar unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio, cuxos ocupantes comproban que se trata dunha muller de 88 anos de idade que se atopa sentada á beira da cama e que non é capaz de incorporarse nin coa axuda da asistenta, que a acompaña nese momento.

Tendo en conta que a muller presenta un golpe na parte traseira da cabeza, os axentes solicitan a presenza dunha ambulancia do 061. Os sanitarios realizan unha primeira asistencia e proceden ao seu traslado ao HULApara unha valoración máis completa.

Durante esa mesma tarde, os axentes tamén asisten a un home que se atopaba tendido sobre a beirarrúa na rúa Concepción Arenal. Ao comprobar que presentaba un golpe na cabeza e parecía atopase baixo os efectos do alcol, o que non lle permitía valerse por si mesmo, requiriron a presenza dunha ambulancia, cuxos ocupantes, despois de prestar unha primeira asistencia, proceden ao seu traslado ao HULA.

Queixas por malos cheiros

Os axentes da Policía de Barrio trasladáronse á rúa TraperoPardo, xa que se recibiu unha denuncia dun particular sobre un baixo do que procedía un forte mal cheiro. Unha vez no lugar, os policías comproban a veracidade do relatado na denuncia, achándose a porta de acceso ao baixo rota e o seu interior con numerosos restos do que parecen ser augas fecais.

Os policías contactan coa titularidade do baixo, que di descoñecer o estado no que se atopa, xa que non reside nesta cidade, pero que solucionará o problema o máis axiña posible.

Rama de árbore sobre vía pública

Durante a tarde do mércores recibiuse na Sala da 092 información sobre a rama dunha árbore que pendía sobre a vía pública na parroquia de Santa María Magdalena de Adai. Unha vez no lugar, os axentes contactan co titular da leira onde se atopa situado a árbore, quen se ofrece á retirada da rama con medios propios, facéndoo de inmediato (o cal fai innecesaria a actuación do Servizo de Bombeiros, que xa foran requiridos).

Posteriormente compróbase que durante esa mesma tarde, un vehículo sufrira danos no seu parte frontal ao pasar polo lugar e chocar contra a rama citada.

Corzo ferido en vía pública

Durante a mesma tarde unha patrulla de Policía de Barrio é comisionada nun lugar da mesma parroquia de Adai, onde apareceu un corzo ferido. Unha vez no lugar contactan coa requirentedo servizo, a cal se ofrece a realizar o traslado do corzo, no seu vehículo particular onde se lle indique. Os axentes xestionan a asistencia veterinaria a través do Hospital Rof Codina, ao que finalmente é trasladado o animal para que reciba a oportuna atención.

Subtracción de patín eléctrico

Durante a noite do mércores, os axentes de Policía de Barrio son requiridos na rúa Camiño Real, onde unha muller manifesta que unha persoa subtraeulle un patín eléctrico do seu portal. Unha vez en contacto coa denunciante, que xa recuperara o aparato, os policías reciben unha descrición completa do presunto autor dos feitos, que posteriormente é localizado na rúa Río Navia e recoñecido pola requirente. Trátase dun mozo, menor de idade, que é trasladado a dependencias policiais para a realización das dilixencias oportunas e que, posteriormente, é recollido pola súa nai, que é informada do sucedido e faise cargo do mesmo.

Discusión de parella

Durante a mesma noite, a Sala do 092 recibe aviso por unha presunta violencia de xénero na rúa San Vicente. Se comisionade inmediato no lugar unha patrulla de Policía de Barrio, que localiza a un mozo deambulando e saloucandopola devandita rúa, manifestando que discutira coa súa parella e, ao entrar en estado de ansiedade, saíra ao exterior para acougarse, sendo seguido por ela, que lle pedía que volvese ao interior e que, posiblemente, iso fora o que observara o requirentedo servizo.

Os axentes localizan á parella do mozo e entrevístanse con ela de forma reservada, sendo corroborada a versión ofrecida polo mesmo, ademais de negar con rotundidade calquera indicio de malos tratos, motivo polo cal os axentes dan por finalizada a actuación.

Noticias relacionadas