Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 19 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Filtros de seguridade viaria

Durante os filtros de seguridade viaria levados a cabo polos axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio, o Grupo Operativo Nocturno e a Unidade de Atestados, detectáronse e denunciáronse as seguintes infraccións:

  • Controis de velocidade realizados na rúa Aller Ulloa e Rúa dos Gardas, con 521 vehículos controlados e 30 deles denunciados por exceder a velocidade máxima permitida.
  • Localización de dous vehículos sobre os que constaba orde de precinto pola Autoridade Municipal. Ditos vehículos foron trasladados ao Depósito municipal, onde os axentes procederon ao seu precinto ata que o seu titular regularice a súa situación.
  • Sete delitos contra a seguridade viaria, tres por conducir un vehículo a motor baixo a influencia do alcol arroxando taxas superiores a 0.60 mg/L (0.73/0.79, 0.73/0.73 e 0.73/0.68 mg/L), outro por conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas e negarse a someterse ás probas de detección preceptivas; e dous por conducir un vehículo a motor carecendo de autorización administrativa para conducir.
  • Un condutor que arroxou resultado positivo nas probas de alcol (0.57/0.55 mg/L), sendo denunciado administrativamente.
  • Un condutor que arroxou resultado positivo nas probas de drogas ás que foi sometido: cocaína e cannabis.

Infraccións á Lei de Residuos de Galicia

Os axentes do Grupo Operativo Nocturno que realizaban patrulla preventiva pola zona centro da cidade, procederon á identificación de cinco mozos que se atopaban ouriñando na vía pública, levantando acta-denuncia por infracción á Lei de Residuos e Solos Contaminados de Galicia.

Control de establecementos públicos

Os axentes do Grupo Operativo Nocturno tamén levantaron acta sobre dous locais da Rúa Nova e Catedral, xa que observaron como persoal do mesmo servía bebidas aos clientes en vasos de plástico, para posteriormente permitir que saísen ao exterior do establecemento coa consumición, algo completamente prohibido pola Ordenanza de Contaminación Acústica.

Durante a noite do venres ao sábado, os axentes do Grupo Operativo Nocturno foron comisionados nun local de hostalería da zona de Garabolos, onde houbo unha pelexa entre varias persoas. Os indicativos trasládanse de inmediato ao lugar e localizan, no exterior do local, a varias persoas, dúas delas sangrando (unha pola cabeza e outra polo nariz), atopando tamén a outra con manchas de sangue en mans e antebrazos, observando que o chan do local se atopa cheo de manchas de sangue. Os axentes poden determinar que a liorta se produciu entre a rexente do local, a súa parella e o seu fillo e dous clientes; todos os cales foron debidamente identificados e informados do procedemento a seguir para formalizar denuncia. Foi necesaria a presenza dunha ambulancia do 061, que procedeu ao traslado dun dos afectados a un centro sanitario.

Os axentes tamén procederán á identificación de testemuñas presentes, así como a levantar acta por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, xa que un dos presentes dirixiuse a eles berrando, con frases despectivas sobre o seu labor.

Infraccións á Lei de Protección da Seguridade Cidadá

Os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio que realizaban patrulla preventiva polo centro da cidade ás 13:20 horas do venres, observaron a presenza dun home que parecía estar consumindo algún tipo de substancia prohibida, polo que procederon ao seu cacheo superficial, intervindo un fragmento dunha substancia, presumiblemente hachís, polo que confeccionaron acta por unha infracción á Lei 4/2015.

O domingo pola mañá, ás 7:00 horas, os axentes de Policía de Barrio que patrullaban o centro, foron requiridos por un grupo de catro persoas que manifestaron que, aínda que non querían denunciar, un suxeito seguiraas e ameazáraas, dando indicacións sobre o lugar onde se atopaba e a súa descrición. Os axentes localizaron de inmediato ao home, que continuaba acosando verbalmente ás persoas que pasaban polo lugar, polo que se procedeu á súa identificación, para o que foi necesario o seu traslado a dependencias policiais, ao atoparse indocumentado. Finalmente, tamén foi denunciado por falta de respecto aos axentes da autoridade.

Detención por quebrantamento de medida xudicial

Os axentes que foron comisionados á Praza da Milagrosa pola Sala do 092, onde entraran queixas pola actitude violenta dun suxeito que se atopaba na mesma, procederon á localización do home e á súa identificación, comprobando nas bases de datos policiais que tiña prohibición de entrar na cidade de Lugo por unha sentenza xudicial, motivo polo cal procederon á súa detención e traslado a dependencias policiais, para a tramitación de dilixencias por quebrantamento da medida imposta.

Presunto delito de VIOXEN

Os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio foron comisionados nun domicilio da Ronda das Fontiñas, onde unha muller manifestaba ter sido agredida polo seu marido. Os axentes procederon á detención do home, xa que a muller manifestou ter sido suxeitada pola roupa e polo pescozo, tirándoa sobre o sofá, presentando pequenas lesións, das que inicialmente se negou a ser atendida. Cando se atopaba en dependencias policiais, o home foi trasladado a un centro sanitario, xa que afirmou ter sufrido lesións durante a discusión coa súa esposa.

Presunto delito de ameazas

Ás 4:10 horas do sábado, varios indicativos do Grupo Operativo Nocturno e da Unidade de Atestados trasladáronse á Avd. da Coruña, confluencia con Otero Pedrayo onde, segundo información recibida pola Sala do 092, había unha muller cun coitelo de grandes dimensións ameazando aos viandantes. Os axentes localizaron a dúas das persoas presuntamente ameazadas, que dixeron que lles puxera o coitelo á altura da cabeza, preguntándolles sobre a súa nacionalidade, tras o cal se ausentou. Os axentes localizan á muller nas inmediacións, a cal se oculta contra a fachada dun dos edificios, gardando algo entre as súas mans e a cazadora que vestía. A muller, tras ser conminada en numerosas ocasións a deixar o obxecto que portaba, tirou a arma branca contra os pés dos axentes, que procederán á súa detención e traslado a dependencias policiais para a instrución das correspondentes dilixencias.

Noticias relacionadas