Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 18 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Filtros de seguridade viaria

Durante os filtros de seguridade viaria realizados pola Unidade Territorial de Policía de Barrio, Grupo Operativo Nocturno e Unidade de Atestados detectáronse as seguintes infraccións:

  • 17 vehículos que circulaban a maior velocidade que a permitida.
  • 14 vehículos que non pasaran a ITV no prazo establecido.
  • 3 vehículos que non tiñan concertado o seguro obrigatorio.
  • 1 condutor utilizando o teléfono móbil mentres manexaba o automóbil.
  • 1 vehículo con anuncio de venda visible desde o exterior (segundo a Ordenanza de Espazos dedicados á Venda Ambulante, para realizar os devanditos anuncios darase conta á Administración Municipal, a cal, gratuitamente, facilitará o modelo de cartel que debe expor o automóbil á venda).

Presunto furto en supermercado

Ás 16:20 horas do xoves, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio foi comisionada nun establecemento da rúa da Industria, onde dúas persoas subtraerían diversos obxectos. Unha vez no lugar, os axentes contactan coa encargada do local, sendo informados de que dúas mulleres, das que achega descrición, introduciran nos seus bolsos varios artigos de perfumaría, ausentándose logo sen pasar por caixa e negándose a mostrar o contido dos bolsos ao persoal de establecemento.

Despois de realizar varios percorridos polas inmediacións non foi posible localizar ás presuntas autoras do furto, polo que se indicou á requirente o procedemento a seguir para formalizar denuncia, debendo achegar as imaxes obtidas polas cámaras de seguridade.

Presunta violencia entre familiares

Ás 21:40 horas do xoves, varios indicativos de Policía de Barrio trasladáronse a un domicilio da cidade, debido á información que recibira a Sala do 092 sobre unha forte discusión familiar. Unha vez no lugar, os axentes foron recibidos por un home, de 44 anos de idade, quen manifesta que fora agredido polo seu fillo, co cal non convive.

Outro axente entrevístase o fillo, de 14 anos de idade, o cal manifesta que efectivamente agredira ao seu pai.

Do menor fíxose cargo a súa nai, que acudiu no lugar e os policías ofreceron asistencia sanitaria ao requirente, que presentaba varias rabuñaduras no pescozo, aínda que manifestou a súa intención de non denunciar os feitos.

Auxilio ao Servizo 061

Ás 9:45 horas do xoves, a Sala do 092 comisiona un indicativo de Policía de Barrio na rúa Santiago, onde se atopa unha ambulancia do 061 que require colaboración. Os axentes son recibidos polo facultativo, que indica que necesita auxilio para administrar un calmante a un paciente que debe ser trasladado ao HULA, polo que, tras prestar a axuda solicitada, os policías dan o servizo por finalizado.

Control de establecementos de lecer nocturno

Ás 5:05 horas do venres, a Sala do 092 recibe requirimento polo exceso de ruído que, procedente dun establecemento da rúa Avelino Pousa Antelo, sae á vía pública.

Unha vez no lugar, sobre o que a Policía Local, en coordinación coa Alcaldía, está a facer un exhaustivo control para evitar e atallar posibles problemas de convivencia na zona, os axentes comproban que o local se atopa en funcionamento e que carece da dobre porta regulamentaria segundo a Ordenanza de Contaminación Acústica, motivo polo cal se confecciona a denuncia correspondente.

Noticias relacionadas